Un novo hat trick de Iago, o segundo aspazo da tempada, serviu para que o Celta noquease ao Sevilla de Montella, un rival directo na competidísima carreira polas posicións europeas, e para que a bancada de Balaídos nesta liga tan irregular, sexa a nivel de xogo como da conexión da afección co equipo, recuperase a ledicia e o entusiasmo cantando unha tímida rianxeira e que de paso lembrase con gratitude ao Totto Berizzo despedido pola directiva sevillista cando o cadro de Nervión ocupaba posicións de privilexio. Un partido máis igualado do que expresa o contundente catro cero do seu resultado que durante o segundo acto constituíu, ademais, un recital goleiro do Merlín de Moaña, que cos seus tres caroliños de moi alta escola acada os 114 goles en partidos oficiais, superando así o rexistro histórico do mítico Vlado Gudelj e consolidando a súa candidatura para ser considerado xa como o mellor dianteiro celeste de todos os tempos e aspirante indiscutible a levar o nove da vermella no campionato europeo do vindeiro verán.

Os tres goles de Aspas serviron para decantar un encontro no que, porén, foi o cadro andaluz quen levou a iniciativa e na que a parella dos seus dianteiros, Sandro e Ben Yedder contaron con excelentes opcións, mais que nunca foron capaces de superar a Sergio, o gardarredes de Catoira, que ofreceu unha actuación memorable, tamén decisiva para manter a cero a táboa de marcas dos vigueses durante a primeira parte. Dianas do internacional do Morrazo que naceron de dúas asistencias extraordinarias do noso admirado Tucu Hernández, mediocampista de xenerosidade desbordada e vontade inquebrantable, que primero no 57' filtrou dende a medular para que o de Moaña xutase en carreira entre os dous centrais, e que tres minutos despois ofreceu dende a banda esquerda un servizo en parábola caoaz de superar ao porteiro para que Iago marcase case a pracer dende a dereita.

Dous goles de fermosa fasquía, propios dun nove natural, un dianteiro á altura de figuras míticas na historia do noso equipo como a de Pahíño, esoutro internacional celeste da década de 1940, lector de Tolstoi, Dostoievski e Charles Dickens (o que daquela deulle fama de "rojo"), que se caracterizaba tanto pola súa eficacia goleadora como gañador do trofeo Pichichi, que permitiu que o Celta na tempada 1947-48 acadase a cuarta posición na liga e a final de Copa, mais que tamén será lembrado polo seu "fair play" e xenerosidade no xogo cos seus compañeiros. Valores de grande figura que onte tamén expresou Aspas cando no 77' co hat trick xa ao alcance da súa biqueira nunha contra pasou o balón para que fose Brais Méndez quen marcase, aproveitando despois deforma xa inapelable o rexeite do porteiro ao xute envelenado do canteirán mosense, outro dos destacados de tan feliz tarde. Goles de Aspas que, coma aqueloutros decisivos de Pahíño (56 goles marcou o da parroquia de Navia en todo a súa historia como celeste), deben servir para que o noso equipo recupere azos e posicións de privilexio na táboa clasificatoria.

Xaora, non seriamos xustos se non lembrásemos que no partido de onte foron tamén decisivos os paradóns de Sergio, que durante unha primeira parte na que o Sevilla foi moi superior sostivo el soíño ao cadro de Unzué. Abonda recordar que no minuto 8, Sandro encarouno en solitario, tras un erro garrafal de Roncaglia, e o gato de Catoira aguantou semellante envite. Como incrible foi a parada que cos pés fixo no 43', cando o Celta xa se adiantara tras un gol en propia meta dos andaluces, tras outro xutazo de Sandro, intervención que, probablemente, decantou o partido para os nosos. Actuación de Sergio que o debería consolidalo na titularidade nesa pugna amical que mantén con Rubén Blanco, esoutro porteiro da canteira, que até agora semellaba que era o que contaba coa confianza do adestrador navarro.

A avultada vitoria celeste diante do Sevilla expresa o valor da canteira nun partido no que interviron até cinco xogadores das diversas xeracións dos formados na Madroa, un feito que non sempre se salienta como merece e quizais os seareiros non valoramos en toda a súa grandeza. Por ventura este Celta que dirixe na lameira a estrela de Iago Aspas posúe idéntica estirpe ao que hai sete décadas capitaneaba no vello Balaídos Manuel Fernández Fernandez "Pahíño", que tamén traballaba para ser convocado para acudir ao Mundial de 1950.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03"> bretemas@gmail.com