Hai derrotas agredoces que teñen sabor a empate e hai empates que destilan o sabor amargo da derrota. Este foi o caso da igualada do serán de onte que deixa ao Celta máis lonxe do seu obxectivo europeo e ao Málaga como pechacancelas, case sen posibilidade ningunha do milagre da salvación. Un empate, pois, que derrota a ambos os dous equipos, tras noventa minutos decepcionantes, sobre todo dos discípulos de Juan Carlos Unzué, que volveron a ser apupados por unha parte da bancada celeste. Asubíos que constitúen apenas o síntoma do descontento que moitos seareiros veñen manifestando de forma privada e ao longo de practicamente toda a tempada co xogo raquítico e a traxectoria errática do Celta do adestrador navarro. Tras o xogo excelente e a intensa ilusión que callou na bancada durante as tres tempadas de Berizzo, na lameira do Fragoso hai moita sede de fútbol, esa materia dos soños que onte non apareceu até os vinte minutos finais.

Xaora, non é doado narrar o que sucedeu nos setenta minutos iniciais sobre a alfombra de Balaídos. Unha auténtica tortura de posesión inútil, de pases e máis pases en espazos inertes por parte de dous equipos que non conseguiron xutar con perigo nin unha soa vez entre os dous paos, xa que non poden ser considerados de tal categoría nin o remate de Pione Sisto no 35', que saíu moi desviado e levaba escaso veleno, nin o xute raso dende a frontal de Choy Castro por parte dos malagueños no 39'. E o peor do caso, foi que sería difícil identificar neste primeiro período quen era o pechacancelas e quen o aspirante a Europa League, xa que ambos os dous equipos renunciaron a asumir riscos ofensivos, limitándose con escasa intensidade a procurar un roubo ou un erro nalgunha das saídas tediosas do balón, sobre todo por parte de Sergio, un chisco nervioso na súa reaparición na portaría, tras a lesión de Rubén durante o quecemento.

Tras a reanudación non mudaron moito as tornas e o fútbol apenas apareceu na lameira. No entanto, Aspas, moi inquedo e rebuldeiro -recibiu unha amarela por unha discusión con Miguel Torres, o mediático defensa malacitano-, foi entrando en xogo e dispuxo de até catro oportunidades claras de gol, que para o noso abraio desta volta en caso ningún fixeron variar a táboa de marcas, feito ao que non foron alleos dous paradóns de Roberto e unha certa dose de imprecisión do Merlín de Moaña. Diante dun Celta que non carburaba, onde as liñas estaban moi separadas, faltando pouco máis de vinte minutos para o remate, Unzué puxo e marcha o plan b e procurou coa entrada de Radoja e Boyé un fútbol máis directo, rápido e intenso. A bancada animouse e semellaba que o gol celeste chegaría decontado. Tras un gran centro de Lobotka, tívoo Maxi no 80' nunha cabezaba na área pequena. E tívoo un minuto despois Aspas a porta baleira que errou no remate na área pequena, tras un servizo de Maxi Gómez. Un erro incomprensible da nosa figura, que demostra o carácter azaroso desta disciplina deportiva, que tamén queremos sexa das belas artes.

E como non chegaba o gol celeste, no 89' foron os malagueños os que tiveron a vitoria a uns centímetros, tras unha gran xogada de contraataque de Keko rematada ao pao esquerdo por Lestienne, todo un golpe de fortuna para os nosos que nese lance puideron perder o partido. Unha xogada malacitana que derramou o vaso e anoxou a algúns seareiros da grada de Río que apuparon con vehemencia a Unzué, un adestrador que non acaba de convencer nin namorar á bancada transcorridas as tres cuartas partes do campionato.

Aínda que cos números na man é posible engancharse á loita polas posicións de privilexio europeo, o máis decepcionante do Celta deste final de inverno, incapaz de enlazar dúas vitorias consecutivas, é a pobreza do seu xogo, dependente da xenialidade de Aspas e da eficacia goleira de Maxi Gómez. O Celta do navarro non é capaz de contaxiar entusiasmo nin sequera doses da ilusión imprescindible para acadar os obxectivos da excelencia. Fáltalle a sede de fútbol que nos presta aos afeccionados celestes, que ben sabemos en que consiste o xogo da serpe e a afouteza celeste. E xa non abondan as declaracións autocompracentes de que somos un equipo pequeno con rapaces da canteira. O Celta ten hoxe vimbios para aspirar a máis.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03"> bretemas@gmail.com