Non sei, a verdade, que pasa que dende hai algún tempo non deixo nin por casualidade de escoitar ou ler por aquí e por acolá aquilo de "son un privilexiado/a" ou estoutro tamén, por exemplo, de que tal persoa está nun momento "complicado"... Deixo por suposto de lado outras expresións do mesmo estilo que se poderían engadir. Só quero neste intre referirme a estas dúas pois, aínda que me fagan sorrir unha vez máis cada vez que as oio (e iso non deixa de ser polo visto ben bo pra a saúde...), tamén me producen elas un innegábel fastío.

E isto igual, pola contra, xa non é tan bo... Enténdese naturalmente o que tales falantes queren dicir con iso. É só a demasía ou plana homoxeneidade da súa utilización en relación con calquera situación, ben sexa esta de persoa, animal, vexetal, mineral ou de calquera outro ente terráqueo ou celestial (e engade a isto pola túa conta, amigo lector, o que a ti se che ocorra).

Descoñezo, na miña ignorancia, se iso se pode deber á pobreza dos axeitados recursos lingüísticos da meirande parte da xente, á inconsciente e abusiva repetición de cómodos vocábulos que andan por aí e, coma os virus, se multiplican sen sequera nos darmos conta, ou ó que sexa... É verdade que son os falantes os que constrúen ou renovan ó seu antollo o seu falar. Porén, os falantes somos todos. Xa que logo, tamén cantos loitan pola súa conservación, purificación e perfección no ámbito ou seo da mesma lingua.

Con isto non quero nin podo erixirme en "privilexiado" (!) ente utilizador da miña (nosa) lingua. Son só un máis dos que, en cativa medida, nos ocupamos e interesamos polo belo e axeitado uso da nosa secular e enxebre lingua nestes tempos de agora e na perspectiva de vindeiras e inacabábeis primaveras que outros, pola súa parte, continuarán a construír.