Son unha profesora de Secundaria que vai voltar ás aulas nestes días. Logo de dicirse e desdicirse con protocolos e medidas varias (que si 1.5 metros de distancia, que si 1 metro, que si semipresencialidade, que si mamparas, que si liberdade para os centros... ), o señor conselleiro pensa que xa podemos comezar as clases. Desde marzo, cando se declarou o estado de alarma, eu cumprín (como todos/as os/as traballadores/as do Estado) co meu traballo. A pesar das instrucións tan febles, ambiguas e moitas veces incomprensibles, que se nos enviaron fixen todo o que se me pediu e o que estivo na miña man e, como moitos compañeiros/as, desenvolvín o meu traballo como mellor souben sen escatimar en recursos (incluso propios) nin en tempo (máis alá da miña xornada de traballo). Fíxeno con responsabilidade social. Porque entendín que era difícil xestionar esa crise sanitaria que a todos/as nos colleu por sorpresa (eu tampouco podía aportar nada mellor, ningunha solución) e fíxeno tamén porque o meu oficio é ensinar tamén en tempos de pandemia. Porque pensaba e penso que a educación é un ben que nunca, nunca pode faltar.

Pero agora as cousas mudaron: houbo meses para xestionar esta volta ao cole con seguridade, houbo oportunidade de preguntarnos aos profesores/as como podemos ou sabemos afrontar isto, houbo espazo e tempo para a reflexión por parte das persoas que teñen autoridade para tomar decisións e que cobran cartos públicos por facelo. Se non se fixo nin se fai é que tal vez non importa tanto o ensino público. A min paréceme que habería que coidalo especialmente. Primeiro porque é de todos e de todas, é un ben común. E segundo porque é un ben prezado e, nunha situación dramática (unha pandemia, por exemplo), sempre hai que coidar especialmente daquilo que ten importancia para a comunidade e daquilo que corre o risco de ferirse, de escachar, de mancarse. Se concorren as dúas circunstancias, as atencións aínda deben ser maiores. Incluso tería que haber agarimo e respecto nese coidar. Eu non o percibín por parte Consellería de Educación. A escola é importante e é vulnerable. Hai, pois, que reforzar os coidados e respectar a quen nela traballa e a quen ela asiste.

Eu voltarei ás aulas máis triste, máis decepcionada, máis cansa, e con máis medo, non só ao virus (que tamén) senón ás políticas que se están a tomar nas escolas para facerlle fronte. Eu hoxe, parafraseando a David Trueba (que se lembraba do meu colectivo nun artigo que publicou en "El País" o 7 de setembro), sinto piedade polo ensino público.