Nos tempos que corren e aínda que sexa difícil pararse para facer unha reflexión tan especial, debe merecer a pena. Estoume a referir á idea de rebuscar un pouco na sapiencia dos grandes mestres da humanidade. Alá polo século IV a. C., nace o filósofo máis famoso de tódolos tempos, Sócrates. Deixa dous discípulos que non ían ser menos, Platón e Aristóteles. Agora que de vez en cando que se fala de valores para orientar algo este mundo louco, non debe estrañar nada porque xa en tempos tan antigos os sabios estaban empeñados en buscar a verdade das cousas e o que era mellor para os humanos.

O sabio Sócrates falaba cos seus discípulos e condiscípulos da definición universal da virtude, da xustiza e de calquera outro concepto moral. Esa busca sería a solución do problema moral. Para iso usa un método baseado no diálogo, na conversa. Constaba de dúas fases: na primeira o obxectivo fundamental era recoñecer a nosa ignorancia. Só recoñecida a nosa ignorancia estariamos nas condicións de buscar a verdade. A segunda fase consistiría propiamente na busca da verdade, esa definición universal, modelo de referencia para os nosos xuízos morais.

Sócrates non chegou a escribir nada. O seu discípulo máis próximo, Platón, na súa obra " Os Diálogos", ofrece as sabias conversas do seu mestre. Coa palabra, no diálogo, na conversa, podemos usar o bo razoamento para chegar a descubrir a verdade que sirva para todos, a verdade universal.

Despois de comentar un anaquiño da teoría de Sócrates, pódese facer algunha reflexión para chegar a descubrir cousas interesantes, polo seu valor en si mesmas e porque son útiles. Podemos pensar por exemplo no ben, no ben común, e descubrilo para poñelo en práctica. Podemos pensar no diálogo para entendernos e comprendernos mellor. Podemos pensar no discurso político que teña como único fin mellorar as nosas vidas... Necesitamos pararnos a conversar sobre o valor dalgúns dos seus ditos que nos deixou o gran sabio: ser é saber.

Entenderse a un mesmo é o comezo do coñecemento. Todas as guerras se fan para acumular riquezas. A envexa é a úlcera da alma. O coñecemento verdadeiro é saber que non sei nada. Non hai que deixar medrar a herba no camiño da amizade. O máis rico é aquel que se conforma con pouco... E un montón máis que pasaron de moda, por desgracia, pero que son verdadeiros valores. Moitas veces conversamos e discutimos sobre cousas tan vanas que despois nos damos conta do tempo perdido.