O 3 de novembro promete ser sorprendente. Nun escenario de tripla crise, económica, sanitaria e diplomática, o mundo acollerá co correspondente medo -que xa parece ligado ao 2020- as eleccións presidenciais de EE UU, e dubido que decepcionen aos espectadores.

Biden lidera as enquisas, en maior ou menos medida, e o seu emotivo e inspirador discurso na Convención Nacional Demócrata deixa claro que o seu obxectivo é apartar a Trump e reparar toda a súa desfeita destes catro anos "escuros". Esgrimindo datos apocalípticos, estocadas emocionais e cun lixeiro ton do espectro centro-esquerda, o candidato demócrata conmoveu aos americanos e converteu a lixeira vantaxe sobre a popularidade de Trump nunha gran vantaxe. A pregunta que debemos facernos é: ¿que cambios veremos no noso país co posíbel ascenso de Biden á Casa Branca?

Para respondela, é máis preciso centrarnos naquilo que evitaremos. Aranceis, agresións diplomáticas, hostilidades contra os inmigrantes, illamento, abandono de calquera responsabilidade para coa pandemia do Covid-19, un incendiario incremento do gasto público, saída do pacto de París... isto levou Trump a EE UU. Pola contra, o plan Biden para os comicios de 2020 baséase en tres eixos: reformas médicas para universalizar os servizos sanitarios, estimular a economía ante a fonda crise do país e unha política medioambiental admirábel.

Ademais, de Biden responde por si só o seu carácter globalista, pro-UE, moderado e conciliador, pois se consagra como un efectivo negociador. Maior e mellor diplomacia, menos guerra comercial, maior apertura... dende España, o máis lóxico é desexar este escenario, un alivio entre as desgrazas deste ano.