Son amigo de camiñar polos nosos montes, a maioría deles propiedades das comunidades veciñais. E penso que sería unha terrible desgraza que o inferno de hai unhas semanas en Ourense chegase a nosa zona e se repetise o do outubro de 2017, aínda que as choivas destes días nos estean a dar un respiro. Mirando os montes dos arredores de Vigo, destacaría a xestión dos de Teis e Saiáns, do melloriño. Logo está(ba) Coruxo, paradigma da rexeneración dun novo monte con moitísimos espazos de frondosas caducifolias, reservas para a microfauna, roteiros, castros e mámoas ben sinaladas... unha marabilla. Pero o lume de outubro de 2017 arrasouno todo e houbo que volver empezar. Outros montes como os de Valadares, Zamáns e Oia deberían pensalo moito antes de meter aínda máis eucaliptos, pois sábese que é unha árbore que inza co lume.

No Miñor hai exemplos extremos: hai xoias de xestión coma Couso (Gondomar), con roteiros, repoboación con frondosas autóctonas, cultivos de cogumelos e froitos do bosque, etc. Excelente. E no extremo oposto hai unha verdadeira desfeita ambiental e forestal: Monteferro, invadido por pragas de acacias, proliferación descontrolada de eucaliptos, lixo, etc. Monteferro é o paradigma do desleixo. Por iso me sorprendeu que o alcalde de Nigrán dixese tras o lume do domingo 2 de agosto que a comunidade de montes "tiña aquela zona moi limpa". Para nada. Monteferro, un miradouro privilexiado sobre a ría e as illas, está forestalmente abandonado. Podían aprender un pouco de Couso, Teis, Saiáns ou Coruxo. Oxalá non veña un outono quente, seco e ventoso como o de hai tres anos, porque hai montes e masas forestais que son auténticos polvoríns.