O pleno extraordinario do Concello de Vilaboa vivido o 20 de agosto de 2020, fixo nacer en min o sentimento de vergoña allea que sintes cando ves que persoas que pretenden dedicarse á política municipal non son quen de facer un mínimo esforzo de humildade e xenerosidade diante dos seus compañeiros. Estou a referirme ás intervencións dos portavoces municipais do PP e do PSdG cando interveñen para facer a valoración da crise institucional vivida en Vilaboa durante as últimas semanas, que acabou cun alcade que ía na lista de número 9 do seu partido e un pacto de goberno roto, coa consecuente saída do BNG do goberno municipal.

Estas dúas persoas foron incapaces de facer calquer referencia ao traballo desenvolvido pola, ata hoxe, tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández. Por toda a veciñanza é sabido que Ornela participou na política municipal intensamente durante os últimos nove anos; Ornela atendeu a todos os veciños e veciñas por igual, sen nunca diferenciar nin discriminar cor política, e por todos e todas é sabido que o despacho de Ornela estivo sempre aberto para quen o precisase, e o teléfono da tenente alcalde sempre operativo en calquera momento do día calquera día do ano. O que fixeron os portavoces dos outros dous partidos foi un acto de soberbia e desprezo a unha persoa que, estando ou non dacordo coa cor ideolóxica, entregou a súa vida privada e persoal ao servizo do ben común.

A política municipal require doutras formas, meu señores, e ao igual que se recoñece en público o traballo desenvolto polos anteriores alcaldes, a nosa ex-tenente de alcalde merece o recoñecemento dos seus adversarios políticos igual que o agradecimento da veciñanza polo traballo feito. Non me gustaría deixar intuir un certo sabor a cuestións de egos masculinos, minusvalorando o traballo das mulleres na política municipal da vila. Por iso, dende aquí, o agradecemento público a Ornela Fernández pola súa valentía ao presentarse como alcaldesa do noso municipio, os parabéns polos logros alcanzados, a gratitude por abrir camiño para as mulleres na política e os mellores desexos para levar adiante unha oposición produtiva para o pobo de Vilaboa.