Alá polos anos cincuenta e sesenta do século pasado celebrábanse reunións da xuventude nun sitio particular para cantar, bailar e beber. Para facer música normalmente levaban un tocadiscos. Ambientaban o local a modo de discoteca (daquela non as había). O agarrado era a modalidade de baile principal. Para beber facían unha mistura de refrescos con licores, chamada sangría. Ademais de beber, cantar e bailar, tamén se aproveitaba para ligar. Así eran os guateques.

Na última década do século XX gran parte da xuventude empezou a facer xuntanzas en espazos ó aire libre para socializar, falar e beber. Así nace o famoso botellón. Compran as bebidas e fan as súas misturas pertinentes. Esta nova forma de diversión está dando lugar a moitas protestas, pois hai queixas dos veciños que non poden durmir, deixan o lugar cheo de lixo...Os concellos están a tomar medidas para darlle algunha saída ó asunto.

A xuventude (divino tesouro), e os xoves que a forman, na flor da vida, cheos de enerxía a través dos tempos foron buscando distintas maneiras de divertirse, para desfrutar da vida en esa etapa tan especial. Algo que é bonito e lexítimo.

O importante é saber qué clase de diversión é mellor para que os nosos xoves podan pasalo ben e que como persoas se enriquezan deses momentos de ocio e ledicia sen nada que poda causarlles algún dano.

Se queremos valorar e comparar as dúas clases principais de diversións pode ser un pouco complicado, pois son tempos moi distintos; é unha cuestión social que está aí. Por unha parte e sendo un pouco nostálxicos, sen chegar a dicir tanto como:"calquera tempo pasado foi mellor" (que me desculpe o poeta), nos guateques non se podía estar toda a noite de troula, pero tamén se saía da casa antes e se aproveitaba para picar alí un pouco, que xa servía de cea. Ás tres da mañá normalmente volvíase para a casa. Penso que era unha cousa máis familiar, sobre todo porque non se desconectaba tanto, precisamente ca familia. O tempo de diversión era o mesmo que agora no botellón, pero o horario era distinto. Saían da casa pronto, porque as tres había que volver. Agora saen case a hora que volvían antes, así pasan toda a noite, e dormen de día.

Se os guateques tamén tiñan os seus problemas, os botellóns están a ter moitos máis. Estar toda a noite de marcha, sen durmir, continuamente bebendo, e tomando algunha que outra droga máis, non é moi doado para a saúde. Hai que pensar tamén que na época dos guateques non había o perigo de tantas drogas, pois moitas nin existían. Dicíalle unha nai a un fillo cando saía: "a noite só é boa para os morcegos". Non quero chegar a eses extremos, pero canto máis se prolongue a noite máis problemas pode haber. Igual que hai un horario para o peche dos locais de ocio ( que case sempre non se cumpre), podía haber unha hora prudente para volver a casa. Sería bo para o día seguinte poder levantarse e desfrutar do día e da familia...

Como sempre, penso que a educación ten que crear hábitos que fomente as diversións nas que ninguén se sinta perxudicado. Nin os que as fan, nin os que están preto delas. Estariamos na verdadeira liberdade para enriquecer a nosa convivencia.