O venres 21 de febreiro recibíamos a triste nova do falecemento de José Núñez López, o tío de Vigo, aos 97 anos de idade. No momento non tivemos tempo de pararnos a reflexionar nin a dedicarlle unhas letras que era o que el máis apreciaba. Por isto paréceme moi acaído facerlle esta humilde homenaxe no Día do Libro, unha data ben significativa para el.

No ano 1922 nace José nunha humilde casa da aldea de Seoane (Visantoña-Santiso). Tras unha infancia moi dura, e sen poder continuar cos seus estudos, comeza a traballar de aprendiz de carpinteiro co seu pai. Tras regresar do servizo militar decide facer o exame para entrar na Garda Civil. Como el ben di "utiliceino coma un medio non coma un fin, para saír das calamidades dunha aldea do interior" ("Historia dunha parroquia do interior rural galego". Ed. Sotelo Blanco-2008). En 1946 ingresa no "corpo", sendo o seu primeiro destino a localidade catalana de Manlleu e logo vai destinado como responsable ao posto fronteirizo de La Jonquera (la seriedad del catalán y la sabiduría del gallego). Remata o seu periplo catalán en Barcelona e finalmente no ano 1970, tras 25 anos en Cataluña, regresa a súa benquerida Galicia. Con 56 anos xubílase na Garda Civil e traballa outros once anos como comercial de dúas empresas, o que lle permite percorrer toda Galicia e coñecer moita xente. É a partir de aquí cando comeza a súa "ruta cara a sabiduría" como lle gostaba dicir a el.

Con 68 anos xubílase definitivamente, pero a súa vella máquina de escribir comeza a botar fume e a producir textos dun xeito desmesurado. Por fin pode dedicar todo o tempo ao que realmente lle gusta: escribir.

Comeza escribindo principalmente para as seccións de "Cartas ao Director" de distintos xornais, sobre todo para Faro de Vigo, ECG e LVG. Calquera temática atraía o seu interese, fose de índole política, histórica ou social, "calquera tema merecedor de controversia". No ano 2009 sae do prelo "Un siglo de Historia Real, contada por medio de Cartas al Director", cunha recompilación de aproximadamente 300 cartas "das máis interesantes". No ano 2014 levaba publicadas a nada desdeñable cifra de 1.400.

Durante estes anos combina a súa estancia entre Vigo e a casa que fai en A Bacariza, na súa Visantoña natal. No ano 1990, vendo que a Banda Popular de Música de Visantoña corre perigo de desaparecer, crea A Asociación Cultural Banda-Escola de Música de Visantoña, dándolle un pulo fundamental á vida do concello. No ano 2000 publica "Historia da Banda de Música de Visantoña 1877-2000". Sete anos máis tarde, e a petición da Deputación de A Coruña, escribe "1877-2007. Banda-Escola de Música de Visantoña. 130 anos de historia initerrumpida". En 2002 delega a presidencia da asociación e no 2005 ve recoñecido todo o seu esforzo e entusiamo cunha merecida homenaxe que lle tributa a asociación cultural, na que é nomeado Presidente de Honra.

Nese tempo, xa liberado doutras ocupacións, entra nun período de creación inusual e comeza a colaborar con artigos en distintas revistas como o Boletín do Centro de Estudos Melidenses e publicar libros de distinta temática como "Mocear no rural galego fai un século", ate un total de 18 libros.

José, o tío de Vigo, dedicou o seu case século de vida á divulgación cultural e ás letras. E por iso que é de xustiza facerlle un sentido recoñemento, especialmente no Día do Libro e facelo nas páxinas das cabeceiras de prensa onde tanto colaborou e se sentiu querido e recoñecido. A mágoa que me queda é non terllo escrito en vida, pero gustaríame que ficase como homenaxe a el e tamén como reconforto para a familia, amigos/as e coñecidos/as. Para el o mellor recoñecemento había ser que se lesen os seus libros e os seus artigos. A quen moito lle debemos, tanto polo seu exemplo como pola axuda que sempre nos ofreceu, hoxe sen dúbida estaría feliz de ler aquí estas palabras do seu sobriño mestre, o fillo de Elisa e Pedro.