Sementar, sementarei, loguiño de clarear...

Así comeza a cantiga A sementeira, de Fuxan os Ventos. E é tempo de sementeira. As persoas que viven no campo saben moito disto.

Sementar, segundo o dicionario ten varias acepcións: "esparexer as sementes na terra preparada para recibilas", "provocar, orixinar, dar motivo a unha cousa", "preparar ou facer algo para que produza o seu proveito ou froito" e algunhas máis.

Nestes días de recollemento na casa penso nesta palabra: "sementeira". Non sei se será porque eu nacín nunha aldea pequeniña e recordo esta época do ano con moita ledicia: a xente no campo preparando a terra, axudándose uns aos outros, compartindo os aparellos e as tarefas agrícolas, as árbores agromando para despois dar froito, os paxaros cos seus cantos, as flores vestindo o campo de cores? unha época ben fermosa!

E penso, e reflexiono, e pregúntome: que sementamos ao longo das nosas vidas?, que podemos seguir sementando para nós e para os demais? Cadaquén terá as súas propias respostas.

Eu déixovos estas palabras, a modo de sementes, para que oxalá se convertan en froito:

Agradecemento, sorriso, ledicia, compañeirismo, xenerosidade, solidariedade, oración, fe, esperanza, caridade, confianza, educación, respecto, ilusión, amizade, amor, alento, perdón, tenrura, paz, vida.

Moito ánimo e moita forza para todas e todos os que estades sufrindo nestes momentos difíciles e críticos.

E grazas, grazas de corazón, a todas e a todos os que nestes días estades nos hospitais, intentando sementar co voso esforzo e o voso traballo todo isto e moito máis.

E remato con esta estrofa da cantiga:

"Un cantar de redención,/ un vello e novo cantar,/ que troque a desolación/ nun limpo e claro alborexar".