A crise do coronavirus constitúe un dos maiores retos aos que o Estado e o Goberno se enfrentaron xamais. O precipitado dos acontecementos e a gravidade da situación propiciou que se tomasen medidas trascendentais con pouco tempo para a mesura. E non será até que transcorran meses, cando o confinamento cese e voltemos as nosas vidas normais (e ás nosas preocupacións mundanas coma o paro, o pin parental ou Cataluña), cando haberá que analizar fría e sesudamente que cousas se fixeron ben e cales non.

O Goberno do Estado actuou mal? Pode ser. Se for así tamén terían actuado mal outros países da contorna, como Italia ou Francia, onde as medidas adoptadas son similares. O Goberno do Estado actuou tarde? En absoluto. Os franceses foran ás urnas o 15 de marzo, os británicos apenas entraron na corentena hai uns días e nos Países Baixos as tendas continúan a estar abertas. Ningún país europeo se atreveu a pechar fronteiras antes dos 200 mortos.

O que de ningún xeito é permisible é a oposición chabacana, cerril e totalmente destrutiva que está a realizar o Partido Popular, e especialmente Pablo Casado, nun exercicio de perfecta hipocresía. Como por exemplo, culpar ao executivo da celebración do 8M, cando esa mesma xornada celebráronse 20 partidos de fútbol profesional con estadios ateitados e outros tantos doutros deportes. Non cómpre nin mentar o congreso en Vistalegre de VOX, onde un dos poñentes voltou de Milán con síntomas de Covid-19, pero iso non lle impediu repartir bicos e abrazos patrióticos entre os miles de asistentes.

Aproveitar a actual situación de emerxencia para obter réditos electorais é absolutamente intolerable. Así pois, a hemeroteca abofeteará a aqueles que dixeron antepoñer a responsabilidade política á propia política.