Nestes días que tanto se fala do incumprimento por parte do Estado das súas obrigas coa Comunidade Autónoma, que ao señor presidente da Xunta lle escoitamos dicir que a Administración do Estado ten que dar exemplo aos cidadáns e asumir os seus compromisos pagando o IVE que nos corresponde; non podo deixar de pensar na nosa orquestra, a Orquestra Sinfónica de Galicia. E digo nosa porque é un orgullo para todos os galegos e galegas ter en Galicia unha orquestra sinfónica de primeiro nivel non só en España senón tamén no estranxeiro. Seguro que moitos dos que amades a música e admirades á OSG xa imaxinades do que estou a falar. Para os que non o saibades, hoxe a orquestra está pasando por un momento crítico por mor, entre outras cousas, do incumprimento pola Xunta de Galicia do compromiso económico adquirido co Consorcio que a xestiona.

Concretamente a Xunta acumula dende o 2010 unha débeda con esta institución que ronda os cinco millóns de euros, o que pon en serio perigo a continuidade de moitos dos proxectos que xiran ao seu redor e que afectan directamente aos nosos mozos e cativos.

Agora falo como nai dunha nena que forma parte de Sonfuturo, marabilloso proxecto que dende hai case dez anos está a formar a nenos e mozos de toda Galicia nas distintas agrupacións que o compoñen: Orquestra de Nenos, Orquestra Xove, Coro de nenos e Coro Xove. Realmente son o futuro da nosa música, sen desmerecer outras moitas actividades e proxectos que con moitas dificultades están nacendo por toda a comunidade e que tamén deberían contar co apoio das distintas administracións.

Agora que se achegan as eleccións autonómicas é un bo momento para reivindicar que os nosos políticos se comprometan de verdade coa cultura e asuman a súa responsabilidade para que iniciativas como estas e institucións do prestixio da Sinfónica reciban como mínimo os fondos públicos que legalmente lle corresponden.