Nestes días nos que o Cumio Mundial do Clima e a declaración da emerxencia climática polo Parlamento Europeo copan os medios de comunicación aínda hai quen pensa que isto do cambio climático non é para hoxe. Neste senso, a situación en A Guarda é tan irónica como de mal gusto. Irónica porque mentres na Guarda concelleiras e concelleiros patinan nunha pista de xeo cunha agradable temperatura exterior de 15ºC en pleno decembro, o ritmo do desxeo no Ártico triplícase. De mal gusto porque vimos de recibir un cuantioso proxecto para o aforro e a eficiencia enerxética. Non estaría de máis que, aproveitando a adscrición voluntaria do Concello de A Guarda ao Pacto Mundial dos Alcaldes polo Clima,tanto goberno como oposición comezaran a tomarse os compromisos asumidos un pouco máis en serio. Non vaia ser que no canto de pedir diñeiro para lámpadas, teñamos que seguir facendo muros.Desta volta, iso si, con estudio de impacto ambiental por favor.