Ourense, Galicia, S.XXI, calquera día do ano. Sabemos de sobra que se organizamos unha voda ó aire libre, debemos contar cunha carpa, pois a meteoroloxía galega é o que ten, soe chover en calquera época. Mais se o que ocorre é que tes pequenos na casa, e os queres sacar da casa un día de choiva, a cousa complícase bastante máis que se tiveras que asistir con eles á voda.

En Ourense non contamos con opcións para levar á rapazada a desfogar un rato nun día chuvioso. Día que ben sabemos que pode converterse doadamente en semana de choiva, e incluso mes. Si contamos cun parque con chorros de auga, perfecto para o verán, e mega proxectos de aquaparks e parques a construír non se sabe onde con forma de mapamundi. Mais para a realidade nosa de setembro a maio, o que nos queda é pedirlle ó cambio climático que elimine definitivamente as choivas, para ver se con sorte podemos ir a un parque que ese día teña o tobogán seco. Hai quen opta por ir ó centro comercial e soltar alí os nenos e nenas a modo de parque interior. Pero como defensora dos servizos públicos, considero lóxica e necesaria a instalación de varios parques cubertos que permitan o seu uso durante todo o ano, xa que no verán tamén poderían ser usados pola súa sombra. Temos un exemplo preto: en Euskadi é do máis común atopar parques cubertos. Seica alí alguén mirou para o ceo e decatouse de que soía chover. Aquí ou ben inda non nos enteramos, ou o que ocorre é que os nenos e nenas van no fondo da lista de importancia de asuntos municipais. Seica campa máis sacarse fotos en aquaparks ou chorros de auga, que inaugurar un parque sinxelo pero con catro postes e unha cuberta.