Onte moitos vigueses e turistas, ademais de fans incondicionais, asistimos a un apoteósico concerto do recoñecido grupo estadounidense de rock 30 Seconds to Mars. O evento fixo gala dun equipo de luces e efectos excelente, e moi ben coordinado, que nos deleitou con láseres, fume, bolas de cores e focos brillantes e magníficos. A xente saltaba e berraba ao ritmo dos irmáns Jared, coma cantante principal, e Shannon Leto, coma talentoso batería. Pero o anfiteatro, cun aforo completo, case asfixiante, tremeu e soou moito máis co discurso do noso alcalde, Abel Caballero.

O eminente e popular socialista, enchido e eufórico, subiu ao escenario (que tanto lle gustan) e comezou un discurso que semellaba o dos comandantes romanos diante das súas lexións antes de comezar a batalla.

Deu a benvida, no seu curioso inglés, ao grupo de música, e fixo dos presentes un ser uniforme que berraba polo feito de ter fronte a eles ao "ideal", "incuestionábel" e "todopoderoso" Abel Caballero. Ese home que hai unhas semanas gañara as eleccións cunha arrepiante maioría volvía á carga con todas as súas forzas.

Eu, pouco amigo de ver aos políticos nos escenarios, máis afeito a velos no seu atril intocábel e altivo, notei palabras baleiras de igual forma, frases sen significado que buscan ese apoio sinxelo que xa ten. Porque parece que dá igual que faga ou como o faga, se o noso queridísimo Abel se deixa ver de cando en vez entre a "plebe", se pasea pola Gran Vía (ese ambicioso proxecto seu, esa "tan necesaria" reforma) unha ou dúas veces á semana, se vai a tal concerto ou a tal evento, os vigueses seguiremos votándoo.

Non podo deixar de admirar a súa actitude ao baixar da pedestal, dar a man aos seus veciños, falar con eles e dirixirse coma un cidadán aos cidadáns; pero cada vez que o escoito non atopo un fondo na súa fala, máis aló de superficialidades, que xa se encargan as papeletas electorais de complementalo.

Moitas veces vin como se describía ao alcalde coa palabra "populista". Ás veces poderíase dicir que o semella, sobre todo cando proclama un amor por Vigo férreo e colosal e as súas decisións dedícanse a obter un voto fácil, a obter (máis) apoios.