Son unha muller que acode cada mes de xullo á illa de San Simón, á nosa Illa da Memoria, á homenaxe que a sociedade civil lle tributa ás vítimas do franquismo a través da Iniciativa Galega pola Memoria. Cada mes de xullo encólleseme o corazón ao escoitar os testemuños que sufriron os miles de presos que pasaron por este "idílico lugar" por defender as súas ideas, xa que non nos podemos esquecer que a cárcere de San Simón non foi una prisión común, senón un campo de concentración de presos políticos.

Polo que non entendo como se pode elixir este lugar para facer certos actos como o Festival Sinsal Son Estrella Galicia, por moito que se dea a coñecer nel a historia da illa. Contarase entre concerto e concerto cantos homes estiveron alíamoreados? Como comían ratas para escapar da fame? Contarase como o doutor don Celestino Poza e o seu fillo Tino coidaban dos presos? Como recibiu a nova do asasinato do seu outro fillo na Caeira? Contarase que sentían os presos cando escoitaban achegarse a lancha que cada noite levaba a algúns cara unha morte segura?

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Digna Rivas, alcaldesa do Concello de Redondela,Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura e Turismo, Luís Campos, codirector do Festival Sinsal: non hai en Redondela outro lugar máis acaído onde realizar o festival?. Estou de acordo co financiamento da cultura a través dos meus impostos, mais non nun campo de concentración franquista. Non coñezo país democrático que celebre este tipo de actos en lugares memorialistas como debería ser a illa de San Simón.

Quizais sexa este un desexo demasiado ilusorio tendo en conta que miles de vítimas por defender ideas democráticas, moitas delas socialistas, seguen nas cunetas ou desaparecidas.

Saúde e República!