No FARO do 10 xuño, X.L. Méndez Ferrín publicou un artigo titulado "Matar rolas en Galicia", encadrado na Segunda Feira. Fala de que alguén perdeu o sentido. Estou totalmente de acordo.

Eu vivo preto do Porriño, a 2 kilómetros, pero nunha zona xa absolutamente rural, rodeado polo norte e este, a menos de 20 metros por carballos, castiñeiros e, sobre todo,eucaliptos de 30 metros.

Todas as mañanciñas, desde febreiro ata o outono, teño as rolas cantándonos oro-ro. A verdade que as rolas son as mais abundantes, pero teño de todo, corvos, pegas, merlos, papafigos, gaios, lavandeiras, andoriñas, pardais, paporrubios, e sobre todo, torcazas. Por ter,ata tiven no fallado da casa un niño de curuxas, fermosísimas, pero non volveron, posiblemente por telas collido coas mans para acariñar aquelas plumas que parecían de seda. Tamén é verdade que xa levamos uns anos sen mirar as poupas.

Como na finca temos moitas árbores, tanto de adorno como froiteiras, case todos fan os niños nesas árbores, pero as rolas fanos, con catro paus, en froiteiras pequenas.

Limoeiros, laranxeiros, pero neste ano, como consecuencia de que cortei un magnolio, un abeto e un pino brasileiro, as rolas botaron man das árbores case pegadas á casa.

En concreto unha parella fixo o niño nunha palmeira a 3 metros da fiestra da cociña. Nós desde dentro mirabamos todos os movementos durante a vida do niño. Os dous últimos días, xa cos roliños querendo voar, miramos como exercitaban as ás para facelo, sen caer o chan (coa presencia de cans grandes era evidente o perigo).

Pois ben, despois de moitos intentos, por fin desde a cociña miramos como levantaron o primeiro voo (uns 40 metros).En concreto nos arredores da casa hai unha infinidade de rolas.

Penso que non é posible que non teñamos nin chisco de conciencia. Non é posible que lle disparemos as rolas.