A asociación cultural PineirÓns ven de dirixirse á Consellería de Medio Ambiente, como fai todos os anos, para ver de conseguir que o retén de Primeiros Auxilios que monta en Ons, sexa permanente. Estes foron os puntos que lle presentaron:

- Primeiro agradecer a Parques que nos últimos anos se fixera cargo do financiamento dun posto da Cruz Vermella, coa súa correspondente caseta, durante dous meses de verán en horario de 11 a 20 horas. Polo menos é algo, aínda que o consideramos moi escaso, xa que debería ser permanente, día e noite.

- Ons é unha Illa que entre veciños e turistas pode chegar a ter unhas 1.000 persoas pasando a noite. Consideramos esa cifra moi alta para un espazo, que é unha illa, e atreverse a non ter nela un servicio de urxencias que poda dar solución inmediata a calquera problema sanitario que xurda, polo menos, ata a chegada dos medios de evacuación, que todos sabemos que tardan un mínimo de 30 minutos dende que se fai a chamada.

- Recordar que calquera problema de corazón, un ictus, un trauma grave, un queimado,..., ou calquera outra contrariedade seria que poida xurdir de súpeto. O ter a oportunidade de que un especialista sanitario estea ao teu lado sabendo o que hai que facer en cada momento, é ter unha enorme posibilidade de salvar a vida a esa persoa. Non nos cansaremos de dicilo: Terá que morrer alguén por falta de persoal sanitario permanente en Ons para que se poñan os medios necesarios? Se isto ocorre, a quén pediremos responsabilidades?

- Dende Parques sempre botan man do tema das competencias e con iso coidan que salvan o pelexo. Non, Parques ou a Consellería de Medio Ambiente é quen administra e xestiona a Illa de Ons e polo tanto son os encargados de tramitar e buscar aos organismos competentes para que estes cumpran co seu labor e de non facelo, dar conta a quen corresponda e á opinión pública, da falla de responsabilidade do organismo con competencias.

- Non entendemos que haxa tan pouca comunicación nesta Xunta de Galicia. Coidamos que neste asunto hai varios organismos que, dun xeito ou doutro, deberían ter competencias e, poñéndose de acordo, sufragar o custo dun médico ou Ats para Ons de xeito permanente durante o verán.

Estes organismos son: Sanidade, Consellería de Medio Ambiente, Consellería de Política Social (D. Xeral de Xuventude) e Concello de Bueu. Tres organismos pertencentes á Xunta, que son do mesmo partido político, e non son capaces de xuntarse e intentar buscar unha solución económica, porque só é económica, á estancia dun facultativo en Ons durante 3 meses. A canto ascende o custo dese facultativo entón? Canto custa a vida dunha persoa?

Sen embargo, incriblemente, hai cartos para ter un retén de 8-10 persoas, de xeito permanente, para mantemento medio ambiental.

Ao igual, ter en conta que, en quendas de 8-10 días hai un campamento de rapaces de entre 8-12 anos, e todos sabemos o que iso representa sanitariamente falando.