En noticia de prensa do 15/3/19 infórmase que o proxecto do Concello de Vigo sobre a fortaleza do Castro prevé a corta polo pé de 15 árbores de gran porte e a poda de máis de 50 que se interpoñen na liña visual aínda que non estean pegados á fortificación... A intervención estará dirixida a mellorar as condicións de visibilidade, cara a fortaleza e dende a fortaleza... E a máis longo prazo preténdese a reorganización da masa vexetal coa substitución paulatina da plantación por especies máis adecuadas ao carácter deste espazo sen necesidade de producir deforestación traumática nas zonas afectadas.

No BOE do 4 de abril de 2019 o Ministerio de Fomento concede ao Concello de Vigo 626.397,61 euros para levar o cabo o Proxecto: "Recuperación y puesta en valor de la muralla de O Castro en Vigo (Pontevedra)". Dito proxecto ten 3 liñas de intervención e unha delas é: Mejora de la integración de la fortaleza en el paisaje urbano: iluminación y reestructuración de la masa vegetal circundante.

Vale a pena matar árbores de gran porte, podar irracionalmente outros para recortar a masa vexetal e ir substituíndo unhas árbores por outras por non seren "adecuados" os existentes, para que na liña visual da cidade apareza o forte do Castro?

Unha árbore tarda en medrar e arraigar na terra, se enraíza. Unha árbore é un ser vivo. Merece un respecto porque non imos ter outra igual. É a herdanza dos nosos devanceiros, igual que a muralla. Os que agora as cortan nunca verán outra igual, nin os seus fillos, nin netos. Non podemos usar as árbores e a natureza ao noso antollo. Non podemos tirar con elas, porque non están enfermas, porque non nos causan ningún mal. Non podemos cambialas, por pura moda, polo capricho de querer ver a muralla dende lonxe. Non nos honra.

A corta de árbores é un prezo demasiado alto para ver as murallas. Non lles vai pasar nada se non se ven ao lonxe. Aínda é máis, aproximará á xente ao parque para velas á sombra de magníficos exemplares de ciprés, abeto roxo, carballo americano, ameixeiras vermellas... que queren cortar. Por favor respecten as árbores.

O Castro tornouse parque para ben dos cidadáns. É unha magnífica liña visual da cidade tal e como está. Ter unha montaña-bosque no centro, que se ve dende todas partes, á que non compre quitarlle nada de verde, é un privilexio. ¿Que ganamos con ver as murallas en vez das árbores?