Leo no FARO DE VIGO do martes día 28 unha carta ao director firmada por Juan José López de la Fuente sobre a concesión da Mazá de Ouro en Bembrive.

Non quero quitarlle ningún mérito a persoa da que él fala, que seguro os ten, pero non podo estar de acordo coas súas afirmacións. Pide que o novo goberno local de Bembrive, saído das eleccións do 26 de maio, sexa máis responsábel cós anteriores e deixe de costas os caprichos políticos e tonterías varias que impiden facer bo uso da coherencia, da xustiza e do servizo público de cara ós veciños de Bembrive.

Esta persoa descoñece o procedemento para a entrega deste galardón. Cada ano, dende o 2011, a entidade abre un proceso público xunto coas asociacións da parroquia no que se pide que se fagan propostas de concesión da Mazá de Ouro, respetando as bases aprobadas en pleno.

Esas propostas son analizadas na seguinte reunión facendo unha valoración obxectiva dos méritos que se relacionan e facendo a proposta de concesión que é levada a pleno.

Eu estiven en toda las xuntanzas que se fixeron para a concesión, primeiro como vocal de cultura e logo como alcaldesa pedánea, e nunca oín falar a ninguén de ideas políticas, nin de caprichos ou tonterías varias. Nunca se tiveron en canto as ideoloxías de ninguén senón o traballo desenvolvido e a implicación coa nosa parroquia e a súa veciñanza.

Ata agora, non houbo ningunha proposta cara a Elva, si a houbo no ano 2013 cara a Asociación de Mulleres Lúa, asociación que ela cofundou xunto con outras vinte mulleres de Bembrive, moitas delas aínda seguén en activo. A primeira presidenta Mª del Carmen, xa falecida, non pudo disfrutar do merecido galardón que por unanimidade se lles concedeu. Galardón que recoñece o traballo de todas, dende a primeira ata a última, dende a presidenta ata a socia máis nova, pois é certo que nunha época difícil loitaron pola igualdade, a autonomía das mulleres e a súa independencia, principios que aínda hoxe seguen a reinvindicar.

Voume a quedar co positivo da lectura da devandita carta, pois axudoume a volver a vista atrás e a facer un recordatorio do traballo feito ao longo destes oito anos. Sempre chegamos a acordos unánimes, sempre tivemos candidatos e candidatas sobradamente recoñecidos e recoñecidas, e o interés da nosa parroquia polo galardón e pola Festa da Sidra foi en aumento.

Moitas grazas a todas as persoas que axudaron coas súas propostas a que a iniciativa do equipo de goberno da xunta veciñal que agora presido, e da que formo parte dende o ano 2011, fora un éxito.