Estiven escoitando as diferentes análises dos cabezas de lista en diversos concellos e por último, o do, polo de agora, noso presidente da Xunta de Galicia. E digo polo de agora dende a máis absoluta das imparcialidades, pois ese comentario ben dado pola análise que o señor Feijóo fixo do resultado das eleccións locais. De non ter un espírito máis crítico e humilde dos resultados, o meu comentario anterior vai estar máis que xustificado.

A cuestión é que non me estraña en absoluto o resultado, cousa que xa advertía ou prevía no artigo de igual titular o pasado 30 de abril, en base ao que xa comentara no mesmo. Se se manteñen nesa posición máis preto da prepotencia e cunha suficiencia esaxerada, vivindo nunha realidade paralela alonxada da xente e dos seus problemas e necesidades, o encontro ca realidade vai ser propio dunha abdución alieníxena. Chamoume en exceso a atención as verbas do polo de agora presidente Feijóo: "En el PP de Galicia estamos para servir aos cidadáns". ¡Manda truco!

Iso é o que deberan facer, pero non o están facendo dende hai tempo e agora están a recoller o sementado.

Recapacite, señor Feijóo! Cambien de estratexia, cambien de actitude, cambien de xeito de gobernar e xestionar e empecen a recibir e a escoitar á veciñanza e cunha actitude e visión abertas. Nós seguimos esperando que iso ocorra e ter a oportunidade de arranxar o asunto que nos toca máis de preto: a aula de San Mateo de Oliveira. Levo tempo tratando de que entendan o que podería supor mirar cara outro lado. Pois xa o viron. Fale ca súa candidata na nosa localidade e ela lle informará dos acontecementos. E de paso fagan xuntos un exercizo de reflexión respecto do que supón afastarse de quenes lles dan os votos e de que botar as culpas dos seus resultados ao feito de que outras forzas de dereitas lles privasen de mellores resultados, é un autoengano. O voto de castigo existe e o non votar por non estar onde tiñan que estar, tamén.

Eiquí estamos e seguiremos á espera dun cambio de actitude en tempo e forma e de non ser así, farémonos notar. Logo non volte a facer análises erradas se todo isto lles volta a pasar factura nos vindeiros comicios autonómicos e o meu comentario inicial deixa de ser premonitorio para ser un feito.

Agardamos unha xuntanza con vostede e/ou a conselleira de Educación para falarmos do noso caso e tentar atopar unha saída xusta.