Na parroquia de Bembrive temos a bonita tradición. Dende o ano 2011, na Festa da Sidra, entrégaselle un premio de recoñecemento a un veciño pola súa traxectoria profesional, a súa implicación coa parroquia ou por algo que na Entidade Local Menor consideran importante resaltar. A verdade é que emociona cando alguén recoñece que a vida como veciño é merecedora dun premio que xa vai pola novena entrega.

Esta carta está escrita para recoñecer a traxectoria social na nosa parroquia dunha muller veciña de Bembrive e para protestar polo caso omiso da Entidade Local Menor a ese recoñecemento público.

Chámase Elva, ten 82 anos é foi unha das fundadoras/promotoras e primeira Presidenta (con maiúsculas) durante vinte anos da Asociación de Mulleres Lúa e unha das encargadas de poñer en funcionamento un colectivo de mulleres nos anos 80 que aínda hoxe segue a funcionar con gran éxito. Unha muller intelixente e culta, que tivo a coraxe de organizar as mulleres de Bembrive para facer actividades e formacións; unha muller que naceu nesta parroquia e que por causas da Guerra Civil tivo que percorrer España e que voltou a Bembrive con ideas novas para, anos despois, movilizar as mulleres do rural enfrentándose, seguramente, con moitos atrancos masculinos para poder realizar o seu soño reivindicativo como muller rural.

Un logro conseguido que de momento non foi recoñececido publicamente coa vergoña e indignación do que escribe, e que ogallá o novo goberno local de Bembrive saído das eleccións do 26 de maio sexa máis responsábel cos anteriores e deixe de costas os caprichos políticos e tonterías varias que impiden facer bo uso da coherencia, da xustiza e do servizo público de cara ós veciños de Bembrive.

Un bico e unha aperta, Elva, pola túa dedicación.