Era un vello cedro do Líbano unha árbore senlleira que sempre o lembramos aí coma un vello amigo facéndonos compaña con sombra no verán e protexéndonos da choiva na invernía, refuxio dos paxaros que facían o niño nas pólas.

Pero como a todos, un día chegoulle o seu fin, pero pola maxia dun artista da madeira Santi Castro renaceu como un trasno sorrinte que quere ser como Van Gogh, e alí no lugar máis axeitado no xardín da facultade de Belas Artes cos brazos abertos e co sorriso nos beizos, co pincel na man na compaña do violinista Quiroga e do pintor Díaz Pardo dalle a benvida a estudantes e veciños e déixase retratar como se foxe unha estrela.

É boa idea darlle unha segunda vida ás árbores que coñecemos e que sempre estiveron ao noso carón facéndonos compaña, na infancia eran o noso refuxio e queriamos coma os paxaros vivir nas súas polas, abrazámolas e marcamos un corazón no seu toco no tempo de namorar e ollamos como mudan de cor nas estacións do ano. As árbores nas cidades acércannos á natureza e rexeneran o aire, embelecen barrios e rúas,e son imprescindibles para mellorar a nosa calidade de vida, e algunhas merecen unha segunda vida para non esquecelas.

Pola nosa cidade sempre andaron trasnos aínda que nós non os vexamos só se deixaban ver polo dibuxante Agustín Portela a quen lle contaban historias que el debuxaba. Hai unha lenda negra que di que foron eles os que puxeron unha industria contaminante na ría,que taparon o tramo urbán do Gafos,que levaron as galiñas do monumento do Mercado, que lle roubaron o bastón a Valle Inclán, que arrincaron o laranxo que nomea a rúa, que perderon unha fonte de ferro de Sesmeros, cambiaron a estatua de Ravachol, que votaron os estorniños do magnolio da Casa dos Muruais,etc. Como decía miña avoa, "Deus nos dea ter a quen poder botarlle as culpas!". Os trasnos contábanos Portela son seres entrañábeis que andan entre nós facéndonos a vida máis feliz. Noraboa a Santi Castro por lembrarse deles e ter a sensibilidade de adicarllo a Gerardo, un amigo que xa non está entre nós.