Hai máis de dez anos que veño reclamando ao goberno do Concello de Portas -tanto por escrito como de palabra-- a limpeza e o acondicionamento dun camiño público que transcorre polo contorno da miña vivenda. Pasado todo este tempo, nada se ten realizado e aí segue en estado de abandono.

Igualmente teño solicitado a limpeza do lixo acumulado polos operarios do Concello de Portas na pista que pasa por diante da miña vivenda e que van deixando alí e que logo ninguén recolle. Vamos, que en vez de limpar, ensucian.

Asimesmo, teño pedido que se limpe un terreo de baldío -de propiedade municipal-- que se sitúa fronte á miña vivenda nunha zona de carácter forestal, xa que está no límite do monte comunal. O Concello fai oídos xordos a todas estas peticións.

Ante o que veño de expoñer quero deixar claro que me sinto insultado e maltratado polo señor alcalde e compañía e xa en máis dunha ocasión teño recibido malas contestacións e menosprezo absoluto por quen ten a obriga de atender aos veciños con respecto e a dispensarlles un trato correcto.

Por outra parte, a directiva da Comunidade de Montes procedeu á unha "singular" limpeza do Monte Común e para máis agravio unha vez realizada esta en vez de proceder ao reparto da leña entre todos os veciños, resulta que só algúns privilexiados se están aproveitando desta, acumulándoa nas súas casas e nas de familiares que non son comuneiros, mentres a maioría dos comuneiros ten que comprar a leña para o seu propio consumo. Ademais deixaron restos da leña ante a miña entrada, como quen fai burla e ofensa. Isto si que é unha boa xestión do monte en beneficio dos comuneiros, si señor!

Así pois quero deixar constancia da xestión tanto da Comunidade de Montes como do goberno do Concello de Portas. Se así se goberna e así se trata aos veciños, que podemos esperar destes dirixentes? Aviados imos!