Ao pertencer Ons a un Parque Nacional, está obrigada ao cumprimento dunha normativa, aquí coñecida como PRUX. Pero Ons, ao ser unha illa que posúe unha poboación autóctona dende hai máis de 200 anos, cunhas características socio-histórico-etnográfico-naturais de gran valor, non pode ser tratada dun xeito global coas demais illas do Parque. Os administradores teñen que preocuparse desas peculiaridades e, á vez de poñelas en valor, redactar unha normativa diferente ás demais que non posúen ese hábitat.

Para facelo teñen que partir dunha base histórica, investigando e estudando o seu pasado. Pero os administradores son políticos ou funcionarios de despacho, que o tiveron todo fácil ao longo da súa vida, que non coñeceron a soidade, a fame, o frío,..., e sobre todo o illamento, tanto xeográfico como institucional, que padeceron os antepasados dos hoxe veciños de Ons. Ignoran a enorme loita que levaron para poder facer fértil as terras illáns, as miles de horas loitando contra o bravo mar para poder levar algo que comer a casa; vender eses peixes e mariscos por catro patacos para manter as necesidades máis básicas da familia e aforrar para construír ou arranxar as súas precarias casas que agora lles "quitaron", por imperativo legal, cunhas inxustas concesións.

Ons, que ata os anos 70 do pasado s. XX parecía que non estaba no mapa, agora converteuse nunha mina turística moi apetecible para todos. Pero alí, en Ons, hai casas que con moito traballo, e ata moitos deixando a súa vida no intento, foron levantadas polos ancestrais dos hoxe veciños que queren seguir vivindo nelas, aínda que só sexa na época estival. Son familias que teñen avós, fillos, netos, bisnetos, irmáns, parentes e amigos. Queren gozar desa casa na que antano, os seus bisavós, aínda pasando grandes penurias, foron felices. Quen vería ás mulleres dos hoxe dirixentes que queren mangonear a vida destes illáns, vivindo como o fixeron as mulleres de Ons! Erguéndose moi cedo e coa luz de carburo ou candeas facerlle o almorzo ao seu home que ía pasar moito tempo no mar, lavándose e bañándose como podían con almofías ou caldeiros, para logo coller os barreños de 20 ou 30 litros e ir á fonte a buscar auga e cargala á cabeza de novo de regreso a casa varias veces ao día, atender aos animais, facer as labores do fogar, para, sen descanso, ir co gando ao monte e mirar polas fincas para ter unhas patacas que acompañasen ao peixe que logo, despois de máis de 12 horas no mar, vogando e loitando co bravo océano, traían os seus homes xa á noitiña. Sen esquecerse de criar aos fillos, facer a comida,confeccionar e remendarlle a roupa, darlles unha mínima educación,..., ao longo de case vinte esgotadoras horas de traballo diarias.

E agora estes políticos lle din aos seus fillos e netos, que a casa non lles pertence, que non poden traballar as terras, que teñen que pagar un IBI que nin na Milla de Ouro de Madrid, que non poden facer nada sen permiso deles,..., e ata lle van facer un carné e obrigalos a meterse na internet, para poder ir a súa casa illán, e, aínda máis por riba, que só poderán pasar a noite nela, os ascendentes e descendentes dos hoxe concesionarios. Irmáns, sobriños,..., e demais parentes non, e menos aínda, amigos. Meu Deus! Aínda seguen asoballados despois de máis de douscentos anos de autoritarismo institucional.