Marcela é maior. "Vou vella". Certo, pero non para quieta; pon o cazo ó lume da cociña de ferro, escolle tazas e pocillos, serve o café. "Quérelo só ou con leite", corta un bo anaco de rosca, mentres vai debullando a infancia coma se fora onte. "A miña nai non perdoaba una feira; baixabamos por calquera cousa. Eu era pequena. Moi noviña, pero cómo me gustaba acompañala a ela e as veces tamén á miña avoa. Tiñamos horta e animais. Vendiamos de todo. Acordo cando baixamos a vender bimbios. Era na xunqueira; había moitas cousas á venda, pero a min encantábame, tan pequeniña cando xogaba entre os mollos chantados, de pé que para min eran coma árbores amarelos".

Ten un falar pausado pero firme, parello a súa fasquía digamos profesional de alimentar o lume esta tardiña de domingo escura e chuviosa. "Mamá cáseque sempre botaba una esmola nas almiñas. A nos baixar dende Saxamonde aínda nos levaba tempo; erguíamonos cedo. Como che dicía vendíamos de todo. Un ano baixamos unha becerra. Varios anos vendemos porco, que traiamos con espiga. Pois segundo fora o que iamos vender, así era a esmola.

Pero que che importará a ti o que che conto, son historias de vella que a ninguén lle fan? pero bueno, dame por falar e falo parvadas". Diso nada, o que me conta resulta moi interesante. "Nada, nada. Cóntame ti cousas da vila que hai moitos anos que non baixo". Non sei que contarlle. Está todo igual; bueno non. Moitas cousas cambearon. A maior parte para ben. Perdémonos a falar. Non lle conto que se chegara a baixar e reparara nas "almiñas"? en fin. Por hoxe chega. Quédome con Castelao, co Castelao de "As cruces de pedra na Galiza", e con Rañolas cando berra protesto. En nome de Marcela quixera emitir un SOS (Save Our Souls), salvade as nosas almiñas.

P.D.- Segundo se recolle no Boletín nº 5 do SEREN, p.78. "Xa o artigo 36 da Lei de trece de maio de 1936 (¡Tempos da República!) impoñía aos municipios a obriga de velar pola perfecta conservación do Patrimonio Artístico existente no municipio. Por todo isto, e tendo en conta que actualmente os cruceiros e os petos de ánimas forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia (?)". Pois iso.