Camiñando a carón do río, cas orelas enchoupadas de auga no paseo do treito urbán, con as augas turbias polos continuos verquidos que a cotío sofre sen que nadie lle poña remedio, cando de súpeto nun relanzo a vimos, maxestuosa como se foxe a raíña do río, unha garzeta de cor branca rachando ca tristura da paixase nun día gris e con choiva, surxindo ante nós como unha loaira que é como chaman no Caurel ás raiolas de sol que saen entre as nubes en días como o de hoxe. Atopámola, quizais, agardando ao vindeiro sábado que é o Día dos Humidais, cando os amantes da natureza e dos ríos acércanse camiñando ata as Brañas do Gafos, un tramo que aínda pese a os continuos aldraxes que sofre o río mantense virxe, donde se atopa o que está considerado o árbore máis vello, un estripeiro; cando na Galiza tamén celebramos a Candolaria que é cando, según a nosa tradición, casan os paxariños.

É moi boa noticia ver os nosos ríos ateigados de vida. Fai pouco leiamos que no noso río maior, o Lérez, avistáronse nutrias que proba de augas limpas e descontamiñadas; e no Gafos, pese a estar cheo de lixo e plásticos, no tramo urbán aínda pódense ver peixes e xunto ás garzetas, corvos mariños bañándose e limpándose das augas salgadas; tamén melros reidores, pegas ravilongas e toda clase de paxariños pequenos, que aínda non estermiñamos como fixemos cos estorniños, que alegraron a infancia de moitos de nós cando voavan ceibes realizando fermosísimos debuxos efémeros sen molestar a nadie.

Fai pouco leía un artigo moi fermoso que decía que xá é moi difícil ver vagalumes, andoriñas, escornabois, etc. non so nas cidades senón tamén nas aldeas. Por desgraza, e por nosa culpa, todo xá so fica na memoria da nosa infancia, cando nos deitabamos cara ó ceo nun campo cheo de mapoulas de cores a ver pasar as andoriñas viaxeiras ou cando no tramo agora cuberto do Gafos escoitabamos cantar ó cuco, que era a sinal que asiña chegaría a primavera, cas mimosas enchendo de cor amarelo os montes, cando xá remataba o reinado das flores da invernia, camelias e magnolias.

Agora, cando chegue a primavera, en vez das andoriñas viaxeiras chegarán as promeas electorais, que outra vez prometeranos cousas que xa tiñan que estar feitas fai moito tempo como sanear as rías e os ríos, sacar as industrias contamiñantes, destapar o tramo cuberto do río dos Gafos, prantar máis árbores autóctonos, etc. Oxalá nos trabuquemos e por unha vez cumpran as promesas.