Morre un pouco a miña Galicia cada día. Morre de abandono e conformismo nun mundo sen principios e mercantilizado onde sempre e todo para os de sempre.

Que mal cheiro o que produce ver os gobernos esixir o que non esixían cando por riba estaban os deles.

Morro tamén eu con ela ó ver que morre o mar. O monte arde. Fuxen as empresas. Emigran os novos e mellor preparados e, namentres, incentívanse a disputas e liortas entre galegos de aquí e máis de alá. Probablemente porque sexa esa confrontación a que os fai fortes a eles.

Morre Galicia e despoboase, envellece e marca rumbo fixo ata o vagón de cola desta España que endexamais foi quen de apreciar a lealdade do pobo galego, sempre fiel, sempre disposto a facer sacrificios polo conxunto namentres ollaba como os menos leais acaparan o cariño eterno do Estado.

Ben sei que dende a desaparición daquela Coalición Galega, a da piña, que fora quen de aglutinar un importante número de galegos moderados e, máis ou menos, políticamente centrados, non volveu a existir partido político capaz de pedir para nosa terra o mesmo que outras teñen, agás do valente e máis que loable intento de Anxo Quintana de levar ó Bloque posicións máis moderadas e próximas as necesidades da xente normal, e que foi cercenada con absoluta contundencia por rivais e máis afíns. Sei de boa fonte que foron moitos os que intentaron crealo espazo político que falta, pero claro, sen apoios económicos e mediáticos é de todo imposible conquerilo. É, deste xeito, como voltamos o mundo sen principios e mercantilizado que so dálle os que despois pode dirixir no seu beneficio.

Morre Galicia, a que un día fora tratada coma autonomía histórica, tal e como recolle a nosa Constitución, pero que languidece e pouco o nada ten que dicir no contexto do estado o que cada día contribúe con menos votos nas eleccións, que parece ser o único que contaxa.

Morre Galicia porque o noso Goberno autonómico olla cara outro lado namentres mar, monte, empresas e persoas languidecen. Namentres os galegos morren nas salas de espera dos hospitais. Namentres atacan os mellores eventos dos que se fan en Galicia ca única intención de amolar a aqueles que lles fan sombra política e cos que ben saben que non poden.

Morre Galicia porque a aqueles ós que o pobo galego deulles a confianza para que a xestione so preocúpanse de se manter no poder a calqueracusto, privando sempre o amíguismo e o equilibrio político das distintas varonías sobor da cualificación e a capacitación das persoas para facer nomeamentos en postos de vital importancia.

Morre Galicia porque Galicia só hai unha e non dous como a Xunta empéñase en facer.

Morre Galicia porque ás veces é difícil non pensar que eses imbéciles e escuros, eses xélidos e duros dos que fala o noso himno, seguen aí, amolando, separando, dividindo e matando Galicia a pesares do paso dos tempos dende os eidos das idades, dende esas vaguidades, que cumprido fin terán.

Morre Galicia porque coma ben dixo un día Castelao:"Máis vale un país con árbores nos montes, que con ouro nas súas arcas". Eses árbores que arden cada ano sen control para despois xurdir eucaliptos coma da nada.