Terminou o 2018 con dous eventos moi importantes para o noso deporte. O primeiro dado en Ourense, en novembro, e que recibiu o Concello de Redondela de mans da Asociación Galega de Xestores Deportivos. Un importante premio que vén de toda a comunidade galega, onde o Grupo Casa Paco 81 séntese protagonista, como os outros 25 clubs federados que compoñen o noso municipio. Clubs con gran futuro porque están rexidos por xente seria e traballadora no día a día. Eles fan que a xuventude redondelá estea no deporte e que vaia por un bo camiño.

Na vila, temos a sorte de que todos os campos e pavillóns están xuntos e céntricos. Por iso é de admirar os pais, nenas, adestradores e directiva do Chapela de Fútbol por onde teñen localizado o seu campo, en Parada, a carón da Madroa. Por certo, teñen a ledicia nestes momentos de ver triunfar a David Costas no Real Club Celta.

Agora xa estamos tendo problemas para adestrar porque non chegan os campos que temos neste momento. De feito, empezamos ás 16 horas cando algúns nenos, pais e adestradores chegan a casa do seu traballo e das escolas ás 15 horas. Pero dá orgullo ver como xogadores e adestradores xa triunfan fóra de Galicia. Nomes como Solla, Ricardito, Pauleta, Edu Reguera, Pablo García, Krook, etc. e doutros xa retirados. Tamén temos algunha xente empezando a carreira de representante de xogadores e outros de comentarista deportivo.

O seguinte premio foi durante a segunda gala do deporte, en decembro do ano pasado. Tivo moita repercusión dentro e fóra da vila. Primeiro pola confección do xurado, presidida polo xornalista Antonio Estévez. Segundo, pola presentación que se fixo no Multiusos da Xunqueira, ateigado de xente nova e vella. Alí presentáronse os galardoados con gran currículo. O acto rematou no Pavillón da Marisma cunha gala espectacular con bo presentador, grupos de baile e autoridades da Xunta de Galicia, Deputación e Concello.

Por iso é de agradecer á corporación do Concello de Redondela e ao seu concelleiro de Deportes, Julio Mougán, home de deporte onde os haxa, cun gran saber e recoñecido en toda a comunidade galega. Que sigan así porque Redondela é deporte.