Ven a conto a viaxe do presidente do Goberno a Cuba. Abraiado quedei o ler o titular "Cuba acepta abrir un canal anual de diálogo con España sobre derechos humanos".

Coa lectura do título quedeime coa dúbida de quen dos dous tiña que dar explicacións dos incumplimentos dos dereitos humanos. Seguín lendo e só atopei "palla". E para iso interveñen tamén os ministros de Exteriores!

Pero isto, que é? Un presidente -socialista- español pedíndolle explicacións ao presidente cubano? -Cinismo, burla, mediocridade, ridículo?

Supoño que o cubano fartouse de rir para os seus adentros.

Pedro Sánchez Castejón e o seu ministro de Exteriores deben saber que NN UU critica duramente e faille observación ao Estado español para que resolva o chamado "problema español", a saber:

- Condenar o franquismo, recoñecer as vítimas, exhumar os restos humanos e entregalos aos familiares para darlles un enterramento digno, anular os xuizos sumarios e reparar todo o dano causado.

Ignora, acaso, as reclamación das vítimas para atopar onde están soterrados os seus devanceiros, como o fixeron os seus antecesores no cargo? Teñen un mínimo, somente un mínimo de dignidade permitir o maltrato e a tortura que significa para persoas que están/estamos ao remate das nosas vidas e seguen preguntando: "sabe usted, señor, dónde puede estar enterrado mi padre/mi abuelo/mi tío; ahora estamos buscando en Vigo?".

Nos cemiterios de Pereiró e Lavadores hai un osario en cada un deles e unha foxa común no civil de Pereiró. As reaccións cando lles mostras o lugar son diversas: de moitador e de sorpresa? xa saben onde descansa e, só queren sacalo dalí e levalo a xuntalo cos restos da súa dona. Ninguén pronuncia as palabras odio -tan de moda arestora-, nin venganza, iso si, quéixanse que na foxa común teña unha cruz e un texto que os identifica como mortos na Guerra Civil. A gran mentira que aínda perdura.

O presidente, o partido ao que pertence e todos que permiten esta e outras infamias, non merecen chamarse demócratas nin cristianos. E a Igrexa non se da por enterada; nas catedrais xacen os máis criminais, como Queipo de Llano en Sevilla.

Mentras estas historias acontecen algúns españois reclamados pola xustiza internacional por crimes contra a humanidade síntense protexidos neste país desconcertante. E os símbolos nazi-fascistas son legais.