Lía estes días, co gallo da celebración dos 40 anos de Prensa Ibérica, o artigo que o prezado Manolo Bragado titulaba "A cultura galega no Vigo do 78, unha arela común", publicado por FARO DE VIGO e adornado coa foto histórica de Magar en que aparecía o primeiro xurado de creación literaria dos Premios da Crítica, cando matinaba sobre a importancia que ten a homenaxe que hoxe moitos galeguistas tributamos ao excepcional profesor Xesús Alonso Montero por mor do seu noventa aniversario. Dicía nese mesmo artigo o histórico editor e profesor que "a cultura bulía", algo semellante ao que acontece hoxe, tal e como acabamos de ver tras a celebración dos recentes Premios da Crítica 2018, aínda que se somos xustos, cómpre engadir que a cultura sempre camiña con extraordinarias dificultades. Con todo, é o labor creativo e intelectual de persoas como Xesús Alonso Montero os que non só dignifican a creación cultural, senón que tamén exemplifican o esforzo do ser humano por crear beleza a través da escrita e da palabra.
Se en algo cómpre salientar ao eterno "profesor" é precisamente por esa constancia e esa afouteza que a cotío amosa nos seus escritos, pola presenza case diaria na biblioteca Penzol de Vigo, escribindo os seus manuscritos, e polas múltiples charlas e conferencias coas que nos galana aos que temos o privilexio e devecemos por escoitalo. Hai algo que me indica que a homenaxe de hoxe ten moitas semellanzas con aquela que se lle preparara a Álvaro Cunqueiro en 1980 e na que formulou aquela frase que é coma un ronsel para moitos de nós, as "mil primaveiras máis para a lingua galega". Pois ben, estou certo que hoxe, ben na homenaxe que se lle vai render dende as tres universidades galegas, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, organizado polos Premios da Crítica-Galicia que preside outro eterno, Bieito Ledo, ben no xantar de confraternidade, algunhas das palabras do "profesor" pasarán a formar parte da nosa infinita cultura galega, para sempre. Parabéns.