Permítame o Sr. Regojo Otero que me apropie do título da súa Tribuna do día 5 do 2018. Vostede fálanos da importancia deste mes por ser un novo comenzo, e reflicteo que para Vd. son días de gozo -ou así o entendo eu-, as festividades relixiosas, é dicir:

O día 1 foi a festa de Sta. Teresita do neno Xesús (?) patroa das misións. O día 2, a festa dos santos custódios e o 90 aniversario da fundación do Opus Dei. Remata con santa Teresa o día 15.

Pola contra, eu e moitas familias o día 6 lembramos de forma moi especial aos nosos pais asasinados. Seis, sacados do Frontón vigués; levados até Vincios (Gondomar) e tirados en dúas cunetas ata as cinco da tarde que foron recollidos nun carro de bois e levados ao cemiterio de Mañufe (Gondomar).

E alí quedaron seis homes que deixaron 6 mulleres viúvas e 15 orfos. A máis noviña era a miña irmá (só 8 meses).

Os anxos custodios non deberon enterarse. O cura da parroquia de Alcabre (daquí eran 4) si que o sabía. Negouse a darlles un certificado de "boa conducta", que era o que pedían os que se levantaran en contra da Constitución e dos seus propios compañeiros de armas.

Vostede di que leva 50 anos casado, eu 58 e tamén teño familia educada e conscente da historia que nos fixeron vivir.

O que si podo afirmar é que meu pai influiu máis na miña vida -sin coñecelo que si estivera vivo. Malia que en moitos anos non se podía falar deles, eles estaban en nos, e por moito que nos desprecen ou nos ignoren, seguiremos pedindo xustiza e reparación.

Adicarei o día a lembrar cousas que miña nai me contaba demeu pai. Miña nai e miña irmá xa finadas, estarán moi presentes en min e na miña familia.