"Sembrando el odio" é o título da súa carta do día 20 de setembro. Sentinme estarrecido ó rematar de lela. Saiba vostede que da carta só me preocupan oito líneas, o demais non me interesa. Reproduzo:

"Es penoso y patético que los que han vivido la Guerra Civil y el franquismo se dieran un abrazo en la Transición y hoy, 43 años después, los que no la han vivido se dediquen a levantar muros, desenterrar el pasado, provocar enfrentamientos. En definitiva dividir España sembrando el odio".

Na carta pronuncia catro veces "odio" e dúas veces "ética".

Detesto o odio, e podo dicirlle que só lle-lo escoitei ás persoas que odian. Estimo moito a súa familia, coñecín ao seu avó e aos fillos. Quero pensar que vostede non é unha persoa que odia; aino por rutina. Maribel, eu son de Alcabre, fillo dun asesinado e sobriño doutro, e tamén sobriño dunha muller que con 8 meses de embarazo foi torturada por non confesar onde se agochaba o seu home.

Maribel, en Alcabre asasinaron a 6 homes, quedaron 5 viúvas e 20 orfos (eu sonlle un deles). Fomos educados para non odiar (esa debe ser unha carga horrible para quen a teña)? Ten vostede ese terrible pesadelo? Confío que non sexa certo. Reflexione cómo puido ser a vida das nosas nais para sacarnos adiante e, a nós mesmos -que non puidemos estudar nin o bacharelato- a saír adiante traballando desde a adolescencia.

En Bouzas hai unhas cantas familias que pasaron polo mesmo trance (non nomeo os nomes por respeto a elas), preocupouse algunha vez por elas? Pregúntelles si odian e porqué. Algúns dos criminais si que morreron atormentados. Cónstame.

Tratei e trato con xente de toda España que segue buscando onde están soterrados os seus devanceiros, e ningún me demostrou odio; só saber onde repousan e visitalos.

Ninguén, por moitos abrazos que se deran na Transación, pode falar, e moito menos, representar ás vítimas do franquismo nin a ningunha outra.

En España hai xente reclamada pola xustiza internacional por crimes contra a humanidade, máis de 100.000 metidos en foxas comúns, miles de xuizos sumarios sen anular, centos de nenos roubados sen clarificar, miles de homes que pasaron -moitos morreron- en campos de concentración sen recoñecer? (lembre San Simón, onde morreron arredor de 2.000).

Maribel, cré vostede que iso se tapa cunha aperta amigable duns cantos oportunistas?

Coido que vostede ten na familia que poida asesorala debidamente.

Remato: saiba que esas 8 líneas fanme tanto dano como o monumento en forma de cruz (censurado polo Papa Xoán XXIII) exaltando o nazi-fascismo na homenaxe do 14 de setembro do 1961, no Castro de Vigo: unha espada crabada no corazón da nosa cidade.

Para pasar a páxina, compre lela. As apertas son para os amigos fraternais.