Salvaterra mudou moito dende 1979 ata a actualidade, unhas cousas para ben e outras para mal; unhas desapareceron e outras non mudaron, como o señor alcalde.

Se algo deixará en legado este goberno será a súa supervivencia e as grandes obras, tamén coñecidas como obras faraónicas: o parque da Canuda, a Casa do Concello, a ampliación do parque, o pantalán no río Miño, as pozas en Oleiros e o Museo do Viño (usurpando o que nun tempo foron os aposentos de Dona Urraca).

Pois ben, creo que de elementos de lecer Salvaterra xa está ben dotada. Agora chegou o momento de proporcionar a Salvaterra uns servizos mínimos que non só a fagan atractiva para vir un domingo coa familia, senón tamén un lugar atractivo para vivir.

Este goberno, que leva case 40 anos de mandato ininterrompido, non é capaz de ofrecerlle aos veciños e veciñas de Salvaterra unha solución á meirande parte dos problemas.

Parafraseando unha noticia do Faro de Vigo do 4 de agosto, o conselleiro Rueda di: "En 2017 el alcalde me dijo que había que hacer este museo y que no podíamos decirle que no y como todos conocéis a Arturo, antes de acabar el 2019 este museo del vino estará hecho".

Se o empeño que se supón que Grandal pon no que de verdade lle importa o puxera, por exemplo, no camiño que leva 8 meses afundido en Vilacoba, non estaría amañado xa? Se tivese interese real nos nenos e nenas, mozas e mozos que non teñen un sitio digno para o estudo e acoden ás instalacións de Monçao ou Salceda, non estaría feita xa a biblioteca? Ou tamén, se tivese interese por buscar unha solución ao aparcamento na zona do centro médico, non estaría feito xa?

Salvaterra ten un reto por diante, facela habitable con servizos de calidade e a altura das demandas actuais. O reto será maior se por fin se pon en marcha a Plisan e non sexa un vende-fume agora que se aproximan as eleccións. Este goberno non está capacitado para facelo. O modelo deste executivo está esgotado. É hora de mudar, é a hora dun proxecto para Salvaterra de acorde aos tempos nos que vivimos.