Entre o 1 e o 13 de agosto celebrouse en Ourense a 31ª edición do Campamento Urbano, na que participaron 1.093 nenas e nenos, adolescentes e xente moza.

Con esta iniciativa libre, aberta e gratuíta, o que se persegue é poder descubrir a cidade como fonte de recursos para gozar do tempo libre dunha maneira saudable.

Cada día, no Urbano puidemos coñecer entidades ás veces pouco coñecidas e persoas que traballan na cidade para que gocemos nela, puidemos aproveitar o tempo de lecer con vellas e novas amizades, puidemos xogar e cantar, refrescarnos..., e rexuvenecer a nosa querida Auria.

Rematado o Campamento Urbano 2018, desde a organización queremos transmitir o noso agradecemento a quen fixeron posible que este proxecto se puidera levar a cabo un verán máis: grazas a todas as nenas e nenos, mozas e mozos que lle "destes sabor" a este Urbano. Grazas ás familias que depositastes a vosa confianza en nós.

Grazas a todos e cada unha das 150 persoas voluntarias que dedicastes o voso tempo aos demais.

Grazas ao Concello de Ourense e á Deputación Provincial pola súa colaboración.

Grazas á Obra Salesiana de Ourense polo apoio, paciencia e doazón desinteresadas, e grazas tamén á Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.

Grazas ás persoas particulares, aos organismos públicos e privados e ás 141 entidades (algunhas delas desde o anonimato) que apostastes de diversas maneiras por este soño de Amencer.

Grazas aos medios de comunicación que anunciastes e informastes deste campamento á cidadanía, de maneira especial ao Faro de Vigo.

Grazas, en definitiva, a todas as ourensás e ourensáns que un verán máis soñastes connosco unha forma alternativa de gozar do verán na nosa cidade.

Sen a vosa colaboración, o milagre do Urbano non sería posible.

Por outra banda, tamén pedimos disculpas se polo desenvolvemento do Campamento Urbano creamos algunha situación non desexada á cidadanía nesta primeira quincena de agosto.

Ata o próximo verán!