A conselleira de Medio Rural apelou hai uns días á sensatez en canto á folga dos axentes medioambientais.

Realmente é sensato arriscar a vida tódolos veráns para defender o noso patrimonio natural? É sensato poñerse diante dun cazador (ou varios) que ten un rifle nas mans para pedirlle a licenza sen ningunha medida de protección? É sensato facer as horas de máis que fagan falta para dirixir a extinción dun incendio forestal sabendo que estamos arriscando a nosa seguridade e a de todo o operativo de extinción porque non podemos responder física e mentalmente cando levamos 13, 15 ou 20 horas traballando? E iso que todos sabemos que non podemos traballar máis de 12 horas.

Seguro que non, seguro que vostede non o faría porque non é sensato. Porque vostede sabe ben do que estou falando, verdade?

Ímonos poñer no caso de que saben exactamente cal é o traballo que desempeñan os axentes medioambientais, e se é así: como se atreven a apelar a nosa sensatez?

Vostede por que pensa que non se convocou unha folga antes, cando temos un acordo caducado dende hai 11 anos?

Porque a nós sí nos preocupa o monte, sí nos preocupa que a pesar da nosa dedicación non conseguimos mellorar nada porque a súa política forestal é un desastre; e agora voulle dicir porque imos ir á folga: porque non podemos máis, non podemos seguir traballando nestas condicións laborais aínda que vostede pense que sí. Estamos cobrando 15 euros brutos de productividade por día de garda (12 horas), non cre que merecemos algo máis?

Póñase por un momento na nosa pel, póñase na pel dun axente? Vostede sabe como cheira o fume? Sabe o que é sentir a calor do lume forestal que che impide respirar? Sabe o que é quedar sen voz polos nervios? Que te chamen os teus fillos ou a túa parella porque están ollando o fume dende a casa, asustados, e tes que dicirlles que volves pronto e que está todo controlado cando sabes que eles saben que estás mentíndolles nun vano intento por tranquilizalos? Sabe como se sente un axente cando chega a súa casa e lle preguntan que tal o día e ten que dicir que ben para que a súa familia non se decate de que hoxe estivo nun tramo de río onde todo estaba morto e iso aféctalle, porque é un traballo vocacional e iso pasa factura?

Supoño que non lle interesa poñerse na nosa pel.

As reivindicacións dos axentes medioambientais sí falan de sensatez, falan dun aumento do complemento específico que nos garantice a baixa por enfermidade ou accidente, falan de melloras (que si merecemos) para os traballadores. E vostede non escoita. Ameaza con que a cidadanía non o entenderá, esa mesma cidadanía coa que tratamos nós tódolos días, a mesma que acode a nós cando precisa de calquera servizo da administración forestal, a mesma que nos chama cando ve lume. Ao mellor a cidadanía o entende mellor que vostede.