Esta é a conclusión que saco tralo meu paso polo programa de doutoramento estrela da Universidade de Vigo, un con mención de excelencia internacional. E é que os doutorandos non temos dereito a denunciar que se nos falta o respecto chamándonos gilipollas. Cando o facemos o presidente da comisión do doutoramento interceta o escrito remitido por rexistro denunciando as vexacións, e en lugar de iniciar os trámites que na Universidade como en calquera empresa se deben iniciar de oficio, opta por chamar ao axente acosador para polo sobre aviso. Estamos moi sensibilizados con todo o que se refire ao maltrato doméstico, pero ninguén fala do acoso académico que sufrimos os doutorandos. Entón coma se dunha banda camorrista se tratase intentan bloquear a túa divulgación investigadora, escusas enviar artigos a revistas galegas, incumplirán o seu propio sistema de avaliación por pares, e devolveranche o artigo seis meses máis tarde asegurándose de facerte perder o tempo, e de que non o remitas a outra revista.

Pero como as súas redes son limitadas non poden chegar a todas as revistas, especialmente ás de fóra de Galicia e impedir que cumplas os requisitos de publicacións que o doutorado establece á marxe da súa memoria aprobada pola ANECA "Wichita ciudad sin ley". O verse privados de armas, cos seus egos feridos optan directamente por denegarche o recoñecemento de actividades sen motivo, incurrindo nun claro acto de prevaricación administrativa, pero non pasa nada. Cando rematas a tese en data e con tempo intentan eternizar un proceso de corrección que non terá fin, e cando o esixes, e reclamas o teu dereito a avaliación sexa para porche a nota que sexa, o teu director renuncia. Así sen director non podes depositar a tese. Escribes ao programa de doutoramento que aceptou a renuncia sen causa dun empregado público a facer o seu traballo, e so obtés ademáis de silencio, máis bloqueo institucional.

Prohíbenlle á secretaria comunicarse directamente contigo e aos administrativos actualizar o teu expediente académico. Así funcionan os programas de doutoramento na Universidade do Sul de Galicia, así se destrúen carreiras e manteñen o seu coto xurisdiccional limpo de intrusos. Ninguén que non cumpra coas normas de vasalaxe poderá acceder nunca a unha praza.