Co galo do terceiro ano do Hospital Álvaro Cunqueiro cómprenos facer unha lembranza da Mediciña Popular na súa Obra. Istas liñas baséanse só o atrevemento a exponer unas cavilaciós como lector afervoado da devandita obra cunqueirán. A nosa actividade dentro da microbioloxía médica non é a mais axeitada para permitir un achegamento de estudo laborento a istas cuestións. Só o feito de nacer e medrar nesta Terra que nos acolle fíxome acadalas co xeito do orballo.

Na mañán desta data imos exponer, no hospital que leva o seu nome, o devandito en seis mensaxes. Primeiro situaremos a Mediciña Popular no contexto da obra de Álvaro Cunqueiro. Segundo, falaremos das súas fontes de coñecemento e desenvolvemento. Nos apartados tres, catro e cinco, referirémonos á tipoloxía do menciñeiro cunqueirán. No terceiro veremos o xeito de aproximarse o doente e o menciñeiro. No cuarto comentaremos a capacidade do menciñeiro para comprender o feito da enfermidade e a súa especialización. No quinto abordaremos os seus métodos de tratamento e poderes de trasmundo. En sexto lugar, pra rematar, falaremos doutros saberes e dos casos clínicos.

Escola de Menciñeiros, Xente de Aquí e de Acolá e Os Outros Feirantes constitúen una fermosa triloxía protagonizada por figuras populares do país. Son tres libros de Cunqueiro que conteñen historias nas que fala maiormente de xentes que coñeceu. A pesares de canto se leva falado sobor da medicina popular, hai un feito do que convén decatarse: o tratamento que dela fai Cunqueiro é absolutamente xenial. Para afondar nel, mesmo lixeiramente, cómpre sitúalo no contexto da súa obra e considerar o que él cavilaba inquedo sobre os seus personaxes: a súa galeguidade, o seu maxín, as súas dúbidas?

Seguindo a súa propia expresión, convén lembrar a carta que Álvaro escribíalle a García Sabell (eminente médico-psiquiatra e destacada figura da cultura galega) hai anos, para consultarlle a identidade dos seus escritos: "Eu terqueio -di Cunqueiro- que istes son retratos de xentes da nosa tribu, e que poderían ser de outra calisquer. Quérese decir que hai neles unha onza en cadaqué do ser galego, e repartido entre toda esta xentiña están as súas varas de medir o mundo, as voltas do seu maxín, as reviravoltas dos seus soños e devezos, a súa calidade intelectual." Xustamente é García Sabell quen define a Escola? como unha solución de compromiso entre o pulo da fantasía e o tirón da realidade. Cunqueiro escribiu estes relatos co criterio que sempre sostuvo, coa mesma fidelidade á terra e ao home, á lingua e á tradición, mesturando maxistralmente unha insólita comprensión do ser do noso país, que tanto o preocupaba -como xa expomos-, e unhas envexables dotes de ouservación.

Istes tempos son doados para reler e afondar na raigaña na que desenrola Don Álvaro a tipoloxía dos seus menciñeiros: una fonte de saúde para cantos podemos coñecelos tal e como saíron da súa creación.