"Debaixo da fábrica están as praias" é o lema da marcha diste ano e non é unha metáfora como a dos adoquíns do maio do sesenta e oito francés porque moitos e moitas que o sábado, con moito esforzo pola idade, van a estar na marcha fixérono de novos e novas pero para bañarse na praia de Praceres agora soterrada pola fábrica, igual que non é metáfora que debaixo dunha lousa de cemento do paseo de Valle Inclán en Campolongo vai un río fermosísimo; sabémolo porque moitos dos que imos estar na marcha bañámonos nel.

Agroman novos tempos na política e a cidadanía témonos que ver se queremos que algo cambie; ninguén nos vai dar nada que non gañemos e loitemos por elo, aínda que teñamos todas as razóns. Temos que saír á rúa, temos o exem- plo dos pensionistas, xente maior que tivo que saír a rúa para pedir o que era de xustiza. Agora tócanos a nós. Se queremos sacar a Ence da ría non podemos deixar nas mans dos políticos e ecoloxistas e quedarnos na casa ou na praia, temos que arroupalos, estar ao seu carón, que sintan o alento da cidadanía que non se rende.

Xa aguantamos dabondo moitos anos esa aldraxe na ría agardando unha solución que nunca deu chegado, moitos e moitas quedaron no camiño agardando por unha ría limpa como a coñeceron. Esta marcha seguramente será a derradeira para moita xente maior que coñeceu ese paraíso roubado, nais, pais e avós que non querrían irse sen lograr que fillos e netos algun día poidan desfrutar dun paraíso que aínda estamos a tempo de recuperar e que eles coñeceron e desfrutaron.

Non hai excusas, se chove que chova, se fai sol tanto ten, agora entramos nós, non podemos agardar da vontade política ou da xustiza que tamén, pero todo pasa pola nosa implicación, soio ca unión e a forza dos cidadáns lógranse milloras. Está demostrado. Temos que visualizar que a maioría queremos a Ence fora da ría, todos temos que mollarnos nista loita asistindo á marcha pola defensa da ría o derradeiro sabado.

Vémonos o sábado na marcha, temos que demostrarlle ao novo Goberno que non imos parar ata lograr unha ría limpa con Ence fóra dela, aínda que xa nos vaia custando traballo e teñamos que camiñar paseniño e collendo folgos a cada intre, debémosllo a toda unha xeración que leva loitando toda a vida sen rendirse. Imos recuperar as praias que roubaron, imos ir a carón dun barquiño de papel que leva trinta anos navegando na loita pola defensa da ría sen afundirse. Nos millores soños xa albiscamos un abrente de praias liberadas e campos de mapoulas e de lirios nunha ría sen contamiñar