E sucedeu. O epitafio da vida política de Mariano Rajoy escribiuse coma ninguén agardaba, ás presas. O tótem que representou durante 7 anos a estabilidade económica, o descontento cidadán e a revolución do sistema político foi defenestrado por un Pedro Sánchez ao que moitos desafiuzaron antes de tempo. Esta moción de censura na que remata a "doutrina mariana" serve para decatarse dun apunte máis. E é que semella que unha parte das súas señorías aínda non asimilou que a Constitución vai máis aló do artigo 155. Conscientes de que a fin se achegaba, o PP e Ciudadanos tei-maron en restarlle lexitimidade á investidura do novo presidente argüíndo o seu apoio en partidos "que desexan romper España". É dicir, admitir deste xeito que unha parte dos deputados que representan outras formas de entender o Estado non teñen a potestade para facilitar o cambio de goberno. Rivera turrou no argumento de que é mellor dar-lle "a voz aos cidadáns" que apoiarse "en separatistas e populistas". Mais, non é acaso a voz dos cidadáns a que está representada no Congreso? Deixan de ostentar esa representación cando forman maiorías que non nos gustan? Parece ser que os gardiáns da esencia nacional aínda non se deron de conta de que, alén do túnel de Guadarrama, hai un país con moitos máis matices que o "himno" de Marta Sánchez.