Diego San José de la Torre (Madrid, 1884-Redondela, 1962) foi un incansable escritor e periodista que alcanzou altas cotas de popularidade na España anterior á Guerra Civil.

Tiña escrito miles de artigos en periódicos coma "El Liberal", "El Heraldo", "La Libertad", "El sindicalista", "Blanco y negro"?, trinta libros, máis de sesenta novelas, crónicas, lendas, temas de historia, poesía? En 1931, coa chegada da Segunda República, incorporase a ela e será un dos escritores máis populares de todo o Estado. Tamén sería o responsable, durante a República, da xefatura de prensa da Dirección General de Seguridad, dirixida polo escritor, médico e periodista galego Ramón Fernández Mato.

A lealdade á Segunda República levaríao ao cárcere en abril de 1939 por defender, coa súa pluma, a legalidade republicana. En principio sería penado con 12 anos de prisión, posteriormente condenado a morte e, finalmente, esta última sanción seríalle conmutada pola de cadea perpetua.

En xaneiro de 1944 quedaría en liberdade condicional, despois de ter percorrido durante cinco anos varios cárceres madrileños, o penal da Illa de San Simón e o cárcere de Vigo (hoxe Museo de Arte Contemporánea). Por imposición do réxime, a fin da Guerra Civil tamén suporía para o escritor o final da súa carreira literaria. Daquela, Diego, estableceu a súa residencia definitiva en Redondela onde pasou a morar coa súa familia, acollido pola incondicional axuda de Ernestina Otero e polo mecenado de José Regojo, a quen desde entón chamou "mi conde de Lemus". Integraríase laboral, social e culturalmente en Redondela e enriqueceu en todos os sentidos a vida da vila e de todos os redondeláns.

Nos case 20 anos que viviu entre nós seguiu escribindo libros e artigos neste periódico, en FARO DE VIGO. En novembro do 1962, cando falece, deixou máis de 80 obras sen editar, entre elas a autobiográfica "De cárcel en cárcel", que sería publicada por segunda vez en maio de 2016.

Hoxe, case sesenta anos despois do seu pasamento, Diego San José, segue sendo memoria viva en Redondela, polo seu talento, pola súa integridade, pola súa honradez e polo exem-plo de home de ben. Un expoñente do que dicimos pode deducirse dunha das múltiples declaracións ás que foi sometido polos comisarios do réxime (esbirros chamáballes el).

"-Algo hay que puede mejorar mucho su situación y que, si en ciertas ocasiones pareciera indigno, en esta sería prueba de lealtad al glorioso Movimiento Nacional. Usted me dirá -le respondí. Dar los nombres de sus compañeros en el periódico y de cuantos usted sepa que han tomado parte en la desdichada revolución marxista. -Señor comisario,respondí, yo he venido aquí a responder de mis actos, pero no de los ajenos"?

En xullo de 2017 foi presentado en Redondela ante un auditorio de máis de 200 persoas, con presenza dos distintos partidos políticos do concello e do alcalde da vila, o libro de memorias carcereiras "De cárcel en cárcel". Unha das persoas que tomou a palabra, o redondelán Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol, pediulle ao alcalde que fixese as xestións necesarias para nomear a Diego San José fillo adoptivo de Redondela, demanda que foi aceptada polo alcalde, aínda que a día de hoxe nada sabemos do asunto. Desde aquí queremos recordalo, porque honrando aos que tanto deron por nós, tamén nos honramos a nós mesmos.