Outro ano máis rematan as festas de San Telmo en Tui, e o Concello volve perder a oportunidade de realizar unhas festas a altura da realidade do Tui do século XXI. A dinámica das festas segue sendo a mesma de sempre, coller o programa do ano anterior e introducir exiguos cambios no do presente.

Unha cuestión importante que debe quedar ao marxe da cor política que teña o goberno do Concello é o emprazamento das atraccións de feira. Creo que esta colocación actual non se pode xustificar de ningunha maneira por varios motivos, entre os que se poden destacar o ruído que xeran (e máis tendo en conta que están pegados a un centro de saúde), ou a eliminación de prazas de aparcamento nunha zona de especial demanda. Esta é unha cuestión sinxela de resolver, xa que se poden instalar en parcelas próximas a actual e cun impacto moito menor, so fai falla vontade e firmeza.

As condicións meteorolóxicas no mes de abril son as que son. Pero precisamente porque é coñecida o Concello de Tui debería tela en conta e asumir que é necesario a colocación de carpas para poder desenvolver con certa normalidade as actividades.

Outra cuestión é, ten sentido suspender a actividade escolar durante unha semana coa axenda actual das festas? Eu penso que non, que son compatibles as dúas cousas. O que si ten sentido é que é preciso investir no ocio da nosa xuventude, sobre todo, tendo en conta que os nosos adolescentes son os grandes esquecidos das festas.

Por último, é necesario basear as nosas festas en orquestras e actividades desenvolvidas por clubs e entidades culturais sen que o Concello sexa capaz de organizar nada por si mesmo? Non creo que se deban eliminar as orquestras, pero si que fai falla unha maior implicación por parte do goberno local e unha aposta máis decidida pola modernización.

Aínda así, non se pode dicir que nos últimos anos non se avanzase nada, desde hai tres anos as festas organízaas a propia Corporación municipal sen ter que recorrer a unha comisión externa, eliminouse a anacrónica figura das raíñas das festas ou nas do 2017 se introduciu algún que outro cambio significativo como o concerto dun grupo de sona actual e potenciouse a música tradicional nas festas.

Eu penso que chegou o momento de repensar que festas queremos para Tui. Temos que rematar dunha vez cun modelo obsoleto e considerar alternativas (festexos con exposicións, talleres, campionatos, exhibicións, monicreques, etc).