É o que nos deu estes anos o Vigo Deportivo, que o ano pasado fixo trinta primaveras, aos que andamos co deporte base. A parte de editar os equipos de fútbol "grandes" (Celta, Coruxo, Rápido de Bouzas), tamén o fai dos grandes de balonmán e de baloncesto.

A base é unha causa que sempre coidaron moito os irmáns Iglesias López (Mariano, Belén e Javier), co seu colaborador M. Abalo. Por iso é normal velos polos campos de fútbol ou pavillóns da mancomunidade, coa súa cámara e libreta, sexa de noite ou sexa de mañá, a chover ou con calor.

E nós estamos esperando que saia a súa revista mensual para ver se saen fotos dos nosos equipos e as clasificacións, sempre correctas. Eu coñecinos cando empezaban nunha entreplanta na rúa Travesía de Vigo. Daquela a revista era en branco e negro. Hoxe están nun sitio máis moderno, na rúa Rosario, e sae a cor.

Por iso quérolle dar os parabéns da familia do equipo Grupo Casa Paco 81 e pedirlles que sigan con esa gran laboura que fan no deporte base, non só de fútbol: balonmán, baloncesto, petanca, tiro de chave, cachibol... ben en categoría masculina ou feminina.

Felicidades e, como di o voso lema, "Sempre co noso deporte".