O pasado día 19 de xullo este diario publicou unha carta na cal pedíalle aos responsables municipais do Concello de Vigo o arranxo dun afundimento na rúa San Xoán, no barrio San Xoán Poulo. Dicía naquela carta: "Hai máis ou menos dous longos meses que un servizo do Concello de Vigo colocou un valo na rúa San Xoán co fin de sinalar un afundimento da calzada?". Ben, agora xa van transcorridos tres longos meses e o afundimento está sen ser arranxado. A dicir verdade estou moi desencantado polo que está acontecendo con este e outros temas, non entendo o deixamento desta Corporación, o señor alcalde ten que demostrar que a eficacia e o bo facer do seu equipo de goberno alcanza por igual a todos os veciños dos barrios e parroquias de Vigo. Dígoo porque haberá arredor de seis meses que fixen unha xestión na oficina de Vías e Obras que o concello ten no parque de Santa Cristina solicitando o arranxo dun camiño no barrio, os funcionarios que me atenderon tratáronme con moita atención e cordialidade, pero o camiño segue tal como estaba daquela. Será casualidade, tamén pode ser que colleran mal os datos que lles dei, todo pode ser.

Por defecto sigo as noticias municipais que se publican na prensa diaria e me alegro moito cando leo que o concello vai investir en distintos barrios e parroquias certas cantidades de diñeiro para mellorar os seus servizos, chamémoslle humanizacións, parques infantís, alumeado, pistas deportivas, etc?, e me pregunto cando será o día que nos toque a nós a sorte dalgunha mellora no barrio, polo menos un pelisco dos presupostos municipais nos que todos contribuimos cos nosos impostos. Neste aspecto son pesimista, hai tempo que o Concello de Vigo non inverte na mellora dos servizos de San Xoán-Poulo.

Cando no barrio falamos destas cuestións os veciños comentan que posiblemente parte destes problemas se solucionarían se no barrio houbese unha asociación de veciños forte e unida, cunha xunta directiva con capacidade de traballo e xestión para retomar estes e outros problemas que afectan ao barrio. Posiblemente que teñan toda a razón nas súas apreciacións, dun tempo a esta parte a asociación de veciños está desaparecida, situación que indudablemente crea un problema engadido aos moitos que xa ten o barrio. Cando escribo estas liñas vai para dous meses que a actual xunta directiva ten as portas da sede pechadas, polo menos para os veciños. Se a estes dous meses sumámoslle os seis ou sete que a última xunta xestora tamén mantivo pechada a A VV, nada ou casi nada queda desta ferramenta necesaria para que a veciñanza se organice ao seu arredor.