Preto do que foi a casa familiar dos Casares Mouriño un marco sinala que ata Compostela quedan 94 quilómetros. A Avenida de Celanova para os limiaos sempre foi a estrada do San Mateo. Este bulevar con árbores centenarias coincide cun treito da Vía da Prata, sendo a formación arbórea singular de máis valor nunha trama urbana de todo o percorrido deste antigo camiño a Santiago.

No derradeiro libro co que nos agasallou Carlos Casares no 2002 "O sol de verán" hai unha cita onde un amigo cóntalle a posibilidade de que podan desaparecer unhas árbores: "Nunca me decatara do fermosos que eran os grandes pradairos de casca amarela que se aliñaban ó longo da estrada e que Arturo me acababa de dicir que os ían cortar a principios do outono porque resultaban perigosos..."

Un mal día teno calquera, ou inxenuamente cae nun inocente erro de cálculo. O pasado 21 de marzo (Día da Árbore) ao erguernos coa noticia do arranxo da Avenida de Celanova un tremor e arrepío entrounos a moitos no corpo. A nova destacaba como primeira medida a eliminación das árbores centenarias por perigosas e a súa substitución por outro tipo de vexetación. Uns pradairos perigosos en Xinzo da Limia!!! Que teñamos coñecemento estes inocentes seres nunca se pelexaron nin se meteron con ninguén, certo é que nos contos e fábulas de Carlos Casares todo era posible, hai que mirar ben toda súa obra podemos levar algunha sorpresa.

O medo que Casares e o seu amigo tiñan incumpriuse grazas a actitude humanista dos seus veciños e veciñas, a mobilización cidadá fixo recapacitar aos responsables do concello e da Xunta de Galicia. Hoxe el sería o primeiro en estar moi ledo por ver que os pradairos de casca amarela van seguir formando parte do patrimonio da súa vila.

A cegueira premeditada impídenos escoitar a natureza e moitas veces o esencial faise invisible. Os gobernantes sabiamente rectificaron a tempo, o indulto a estas fermosas xigantes vai facer que sigan sendo memoria viva e testemuña do paso do tempo.