O silencioso ou barulleiro servizo dos familiares, sempre ignorantes, é unha presencia imprescindible nos hospitais. Ás 24 horas do día, atendemos en Xeriatría do hospital do Meixoeiro, tentando entender o que acontece ao noso arredor.

Sorpréndeme que non teñamos visita médica durante todos os días das vacacións (Semana Santa) a persoas tan vulnerables como os anciáns. Isto engade que non haxa altas os días festivos. Se por falta de cartos non contratamos a máis médicos, os gastamos con máis días no hospital para os enfermos e, desafortunadamente, non sería o primeiro que carga cunha infección hospitalaria.

O persoal de planta está atento, pero abóndalle o traballo con todo aquilo que medicamente teñen escrito para facer, ademais de remitir os datos, de novo por escrito, do seu traballo. O persoal do hospital non da abarcado nada máis e aínda o que teñen que facer se sobrecarga nos "días festivos" porque mingua o persoal. Pensan vostedes que non precisan o mesmo os enfermos un día de diario que un día festivo?

Os servizos aos enfermos vanse facendo coa regularidade establecida, pero desafortunadamente esta regularidade non se corresponde coas súas necesidades. Aí entramos os familiares para unha mínima atención individualizada: dar de comer ou que coman coa paciencia que se precisa, intentar que se mova, segundo as súas posibilidades, ir ao baño atendendo ás mesmas razóns... imprescindibles tarefas, segundo nós, familiares, pola mellora do paciente. Por todo imos pasando... e o máis importante para nós é que o persoal sanitario sexa agradable e que coas súas explicacións poida consolarte.

Atrévome a solicitar, aínda que pareza pedilo en balde, que se loite polo aumento do persoal, tanto en sanitarios como en persoal de atención ao enfermo, para que o que traballa non o faga con abatemento e isto sexa a base da mellora dos servizos sanitarios que estamos a perder neste país a pasos de xigante. Desgraciadamente o descontento do persoal sanitario acompáñanos en cada visita médica que temos que realizar, que con persoas maiores son moitas.