Teño un amigo que hai uns días se tirou en parapente. This is afouteza. Que o outro día fixo a Vig-Bay ida e volta. This is afouteza. Que o verán pasado fixo o camiño de Santiago. This is afouteza. Que hai un ano celebrou a súa voda por todo o alto. This is afouteza. Que día a día loita nas rúas dunha cidade que non está feita para el nin para a súa cadeira de rodas motorizada. This is afouteza.

Pois ben, este sábado de madrugada a miña parella máis eu acompañabamos a este amigo de regreso á súa casa. O primeiro Vitrasa nocturno N1 cando nos albiscou na parada tentou pasar de largo, polo que case nos tivemos que botar á rúa para detelo. O condutor díxonos que a rampla non lle funcionaba, que mala sorte, que agardásemos polo seguinte que viña en 10 minutos e arrincou. Tras corenta minutos baixo a choiva e o vento, apareceu o segundo Vitrasa, N2 bus 6480. O seu novo condutor dinos que se lle acaba de avariar a rampla. Ante a situación, obrigámoslle a que achegue o bus á beirarrúa para tentar subir a pesada cadeira, 120 quilógramos, como poidamos. Conseguímolo sen a súa axuda, por suposto, e baixo o seu xesto de desprezo e comentarios vexatorios, referiuse ao meu amigo despectivamente como "el de la silla". Finalmente, e tras hora e media, fomos quen de deixar ao noso amigo na súa casa.

Malia que el tomou con humor toda a aventura, eu sentín vergoña e noxo pola situación e non podo imaxinar como se sentiría el ante este acto discriminatorio e todos aqueles que debeu padecer e padecerá na súa vida. Afouteza é a súa, un exemplo de dignidade e de superación a imitar. Moitas grazas Javi.