En novembro do ano 2004 atopábame en Madrid, concretamente na casa dun familiar no barrio de Tetuan, e por motivo de arder un transformador na subestación eléctrica, que a empresa Unión-Fenosa tiña na avenida Doutor Esquerdo, prodúxose un corte de suministro eléctrico, que afectou a todo o barrio e a algunhas outras zonas, sendo a duración do corte aproximadamente dende as 20.00 horas ata o día seguinte ás 11 da mañá.

Ese mesmo día, dende primeira hora, a compañía eléctrica instalou varias oficinas móbiles, unha na mesma avenida Doutor Esquerdo, para atender ós damnificados que lóxicamente querían ser indemnizados polos danos ocasionados. A compañía tiña bastante xente atendendo esta oficina, pese a todo, formouse unha cola e para axilizala tiñan empregados por fora da oficina, que xa dispuñan dun impreso para que toda a xente que fixera unha reclamación menor de 90 euros, so tiña que firmalo, e xa lle ingresaban na súa conta esa cantidade, sen ningún tipo de xustificación.

O meu familiar aceptou esa fórmula e en 15 días xa tiña no seu poder os 90 euros. Á xente que xustificara uns gastos maiores, abríanlle un expediente, ó que lle contestaban nun prazo de 48 horas, aínda que para cobrar seguramente que o trámite sería algo mais longo, de tódalas maneiras en conxunto pareceume un sistema moi áxil e razoable.

E a miña pregunta é: alguén viu esa mesma forma de actuar desa compañía ou outra eléctrica en Galicia? Penso que non, e iso que hai demasiados casos nesta comunidade, nos que moita xente estivo, non quince horas sen luz, senón ás veces varios días.

En resume, a conclusión é que as compañías eléctricas tratan diferente ós cidadáns de Madrid que ós de Galicia, moitas veces coa complicidade do Goberno galego.