O mércores día 25 de xaneiro (como cada mércores) fun a ioga á Asociación Val do Fragoso. En canto chego co coche, na porta do aparcamento hai un garda de seguridade de Prosegur que me prohíbe acceder ao recinto. Pregúntolle amablemente cal é o motivo polo que non podo entrar, cando tódalas demais veces non houbera ningún inconveniente. A súa explicación é que "só teñen permitida a entrada aquelas persoas que están na lista", é dicir, os que dispoñen do pase "VIP" por ser socios do Celta ou comuneiros; ademais de soltar perlas coma que "vostede pode entrar, pero a ver como sae despois", entre outras.

Un pouco confusa, decido falar cunha compoñente da asociación, que afirma que non se pode facer nada. Non deixo de insistir, ata que consigo que vaia falar co de seguridade e o convenza de que me deixe pasar, xa que non a deixo tranquila.

Que dereito ten un garda de seguridade completamente descoñecido de ameazarme con que non se me volva ocurrir aparcar alí?, pregúntome. E por que os socios do Celta poden entrar, e non unha socia de 20 anos de antigüidade (nº 3972) que paga relixiosamente as súas cotas mensuais?, engado.

Coido que un garda non vai ser o único culpable do espectacular trato recibido, pois detrás hai unha responsabilidade tanto por parte do Concello coma do presidente da Asociación Val do Fragoso, polo que pido unha explicación urxente sobre tan desagradable situación, ademais de resposta a con que político hai que falar para conseguir un pase "VIP"?

Con todo isto non pretendo de ningún modo desprestixiar o papel do fútbol na nosa cidade, senón salientar a discriminación cara os socios da Asociación Val do Fragoso.